1000 12/16

A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos
Ficha técnica
Título orixinalLa matanza caníbal de los garrulos lisérgicos
DirectorAntonio Blanco
Ricardo Llovo
ProdutorAntonio Blanco
María José Sánchez
Carlos Soliño
GuiónAntonio Blanco
IntérpretesManuel Manquiña
Juanillo Esteban
Julián Hernández
MúsicaJulián Hernández
Xurxo Souto
EstudioEscola de Imaxe e Son da Coruña
Estrea1993
Duración77 minutos
OrixeGalicia Galicia
XéneroTerror, comedia

A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos (en castelán: La matanza caníbal de los garrulos lisérgicos) é unha longametraxe galega dirixida por Antonio Blanco e Ricardo Llovo. Autodenomínase como “posibelmente a película máis noxenta, cutre e divertida de tódolos tempos”. O filme conta coa participación de músicos como Julián Hernández (Siniestro Total), César Strawberry (Def con Dos, Strawberry Hardcore) ou Silvia Superstar (Killer Barbies).

Argumento[editar | editar a fonte]

Un grupo de mozos regresa dun concerto durante a madrugada. No camiño, uns cristais rotos na estrada picaron a roda do coche no que viaxan facendo que choque cunha árbore. Tralo accidente, vense obrigados a pedir axuda na casa máis achegada onde, por desgraza para eles, viven os Machado: a familia máis psicópata da Coruña.

Os Machado teñen soportado épocas de fame, das cales puideron saír empregando como materia prima os seus embutidos de carne humana (“falta comida...sobra xente”). Os mozos aceptan inocentemente a hospitalidade que lles brinda o patriarca da familia descoñecendo por completo o sanguento e perverso destino que ten preparado para eles.[1]

Personaxes[editar | editar a fonte]

  • Manuel Manquiña como Martín Seijas Machado
  • Teté Delgado como Nai
  • Julián Hernández como Pedro Machado
  • César Strawberry como Pablo Machado
  • Juanillo Esteban como Rufo Machado
  • Belén Negreira como Virtudes Machado
  • Mamen Rivera como Isabel
  • Marcos Taboas como Luis
  • Silvia Superstar (acreditada como Silvia Pintos) como Silvia
  • Luisa Veiras como Presentadora de TV/ Rapaza do cortello 1
  • Ana Vázquez como Besto Bravo
  • Mara Gutiérrez como Rapaza do cortello 2
  • Paco Cuesta como Cadáver
  • Roco como Roco

Dobraxe[editar | editar a fonte]

Debido á mala calidade do son directo rexistrado durante a rodaxe, foi necesario recorrer á dobraxe de tódolos actores da película.[2] A rodaxe realizouse nos estudios Dobleson, exercendo o propio Manuel Manquiña como director de dobraxe. Os nomes dos actores de dobraxe que participaron no filme figuran nos créditos finais, aínda que non se especifica o personaxe ou actor/actriz ós que poñen voz:

Realización da película[editar | editar a fonte]

A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos foi unha película gravada, estreada e comercializada en vídeo na súa totalidade. Para financiar os gastos da rodaxe, ideouse un sistema de bonos a través dos cales a xente podía comprar anticipadamente unha copia en VHS da película, que recibirían unha vez estivese a produción rematada.

A rodaxe levouse a cabo nunha única semana, durante a Semana Santa de 1993. Empregouse como localización unha explotación agraria rural en Galicia, propiedade da familia do director. Fixéronse dúas montaxes da película: a primeira delas realizouse como montaxe previa, descartada debido á utilización excesiva de planos xerais e da ausencia case total de planos medios e curtos. Esta montaxe, a diferenza da definitiva, contiña unha menor cantidade de sangue e vísceras. Para a segunda e última montaxe rodáronse de novo escenas con máis sangue, ademais de incluír planos curtos e insertos como amputacións, cortes e demais detalles gore nas escenas máis explícitas.

Entre a finalización da montaxe e a dobraxe da película, o vídeo non estivo rematado ata finais do 93. Ademais, as copias tardaron en fabricarse polo que o filme non se comercializou ata entrada a primavera de 1994.[3]

Música[editar | editar a fonte]

A música da película corre a cargo de Miguel López Cubas. Julián Hernández (de Siniestro Total) e Xurxo Souto (do grupo Os Diplomáticos de Monte-Alto) contribuíron á música do filme, mediante a composición da banda sonora.

Banda sonora[editar | editar a fonte]

A banda sonora da película consta de dúas cancións:

Referencias e homenaxes[editar | editar a fonte]

A matanza caníbal dos garrulos lisérxicos contén múltiples referencias a outras películas clásicas do xénero de terror e gore:

  • A trama da película está inspirada en filmes como The Hills Have Eyes ou The Texas Chain Saw Massacre (mediante elementos como a serra mecánica ou incluso o nome do tema principal da película, "La sierra es la familia", que fai referencia a unha famosa frase desta).
  • A escena na que unha das mozas decide facer fronte á familia Machado armándose con todo aquilo que atopa ó seu paso é similar ó modo de prepararse de Ash Williams, o personaxe principal da triloxía cinematográfica Evil Dead.
  • No inicio da película, un membro dos Machado coloca un sinal de desvío na estrada. Esta escena é unha chiscadela á película gore Two Thousand Maniacs!.
  • Hai homenaxes á cultura popular, como a utilización da música e efectos de son, como as frases "Que hai de novo, vello?" de Looney Tunes, ou "Que ben, hoxe comemos con Isabel", que fai referencia ao slogan dun coñecido anuncio televisivo.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "Sinopse da matanza caníbal dos garrulos lisérxicos en FilmAffinity". Consultado o 18 de maio de 2012. 
  2. Strawberry, César (2011). Biografía Def Con Dos Vol.1 (1988-1995): Freddy Krueger tiene alzheimer. Ediciones Irreverentes. p. 127. ISBN 978-84-96959-81-1. 
  3. Strawberry, César (2011). Biografía Def Con Dos Vol.1 (1988-1995): Freddy Krueger tiene alzheimer. Ediciones Irreverentes. pp. 125–128. ISBN 978-84-96959-81-1. 
  4. "Ficha del disco "Made in Japan" de Siniestro Total". Consultado o 19 de maio de 2012. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=A_matanza_caníbal_dos_garrulos_lisérxicos&oldid=5297232"