Alexandre Gómez

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Alexandre Gómez
Nacemento11 de abril de 1967
 Vigo
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónfondista
editar datos en Wikidata ]
Alexandre Gómez.JPG

Alexandre Gómez Cabral, nado en Zamáns (Vigo) o 11 de abril de 1967, é un atleta galego.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Este corredor do Celta de Vigo empezou de novo acadando importantes marcas en categorías de idade. Así, foi récord de España júnior en 2.000 m (5'09"5), récord de España xuvenil nos 5.000 m (14'16"7) e récord estatal de 10.000 m na categoría promesa, así como campión de España de 3.000 m obstáculos nesa última categoría. Na primeira etapa da súa traxectoria deportiva tamén destacou nas probas de campo, onde acadou o estatal de cross en 1984 como xuvenil, e os estatais de cross en 1986, 1987 e 1988 como promesa. Pero sen dúbida o seu maior éxito foi a medalla de prata conseguida nos mundiais de atletismo júnior, en Atenas (1986), na distancia de 5.000 m, cunha marca de 13'55"94

Xa en categoría absoluta, conseguiu varios campionatos nas distancias máis longas do fondo. Por exemplo, foi campión galego de cross en cinco ocasións consecutivas, e campión estatal de cross en 1989 e en 1995. Tamén foi campión estatal de 10.000 m en pista nos anos 1989, 1991, 1993, 1995 e 1996, e de medio maratón en 1992 e 2003.

A nivel internacional, a súa primeira participación olímpica tivo lugar nos Xogos de Seúl, en 1988, na distancia dos 5.000 m. Máis tarde, xa habituado á gran distancia, disputou os 10.000 m de Barcelona e os de Atlanta, onde obtivo a mellor posición ao rematar na 15ª posición cunha marca de 29'38"11.

Nos campionatos do mundo de atletismo a súa mellor actuación foi a 9ª praza na final dos 10.000 m en Toquio, cunha marca de 28'13"71, mentres que en Goteborg foi 16º. Desa época é tamén a medalla de prata conseguida nos campionatos de Europa de cross celebrados en Alnwick e a oitava praza nuns mundiais de medio maratón celebrados en Palma.

Na parte final da súa traxectoria deportiva dedicouse ao maratón. Nesa proba foi 5º nos europeos de Budapest en 1998, 40º nos mundiais de Sevilla en 1999 e 6º nos europeos de Múnic en 2002. Foi 41 veces internacional con España. Ademais, foi ostentou o récord estatal de maratón en 1997 ao conseguir unha marca de 2:07'54".

Galardóns[editar | editar a fonte]

Alexandre Gómez recibiu en 1997 o Premio Príncipe de Asturias dos Deportes conxuntamente con outros fondistas compoñentes do equipo español de maratón.[Cómpre referencia]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Alexandre_Gómez&oldid=4956934"