Bermudo Ovéquiz

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Bermudo Ovéquiz

NacementoSéculo XI
Falecementoc. 1092
Cónxuxe/sJimena Peláez
DescendenciaVéxase descendencia
ProxenitoresOveco Bermúdez
Elvira Suárez

Bermudo Ovéquiz (ás veces escrito Ovéquez e mesmo Ováquiz), fl. 1044-1092, foi un membro da alta nobreza galega e asturleonesa que viviu no século XI, fillo primoxénito do conde galego[1]Oveco Bermúdez e da súa esposa Elvira Suárez.[2] Os seus avós paternos foron o conde Bermudo Vela —descendente do conde Bermudo Núñez— e Elvira Pinióliz. Elvira Suárez, súa nai, era neta do conde rebelde Rodrigo Romániz, sobriño do conde Suero Gundemáriz,[a][3] e descendente do conde Osorio Gutiérrez.[2] Os seus irmáns eran Rodrigo Ovéquiz e Vela Ovéquiz.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

A súa vida desenvolveuse principalmente en Asturias onde probabelmente herdara bens da súa avoa Elvira Pinióliz. A primeira vez que se rexistra a súa presenza na documentación foi en 1044 e en 1053 aparece confirmando unha doazón do rei Fernando I ó mosteiro de San Pelayo en Oviedo.[2] En 1075, el e o seu irmán Vela Ovéquiz preitearon contra a Catedral de Oviedo polo mosteiro de Tol[2] con resultado desfavorábel. Este mosteiro fora doado anteriormente por Gontrodo Gundemáriz, filla do conde Gundemaro Pinióliz, á catedral. No preito tamén estiveron involucrados os seus parentes Fernando Díaz e a súa irmá Ximena, a esposa de Rodrigo Díaz de Vivar, o Cid.[2][8] Aínda que non chegou a ostentar a dignidade condal, en 1087 actuou como xuíz nun preito entre o abade do mosteiro de Lourenzá e o bispo de Mondoñedo.[5]

Matrimonio e descendencia[editar | editar a fonte]

Contraeu matrimonio con Ximena Peláez, filla do conde Pelayo Froilaz o Diácono e a condesa Aldonza Ordóñez, filla dos infantes Ordoño Ramírez o Cego e Cristina Bermúdez.[2][9] Foron os pais de:[10][b]

  • Suero Bermúdez (fl. 1086-12 de agosto de 1138), conde e un poderoso membro da aristocracia asturiana e galega da súa época, foi un fiel servidor primeiro de Raimundo de Borgoña, conde de Galiza, e despois dos reis Afonso VI, Urraca e Afonso VII o Emperador. El e a súa esposa Enderquina Gutiérrez dotaron o mosteiro de Cornellana que fora fundado pola súa bisavoa a infanta Cristina Bermúdez e entregárono á Orde de Cluny. Non deixou descendencia e a meirande parte das súas propiedades pasaron ó citado mosteiro.[12][13][14]
  • Afonso Bermúdez (fl. 1092-1129), a diferenza dos seus irmáns, non chegou a ostentar a dignidad condal nin a ocupar cargos políticos de relevancia. A súa esposa foi Urraca Raimúndez, posibelmente filla do infante Raimundo de Pamplona, chamado «o Fratricida» por ser o responsábel da morte do seu irmán o rei Sancho Garcés IV de Pamplona, «o de Peñalén».[15][14] Foron pais de Pedro Alfonso, personaxe de máxima relevancia na Asturias medieval,[16] e de Gonzalo, Gutierre, María, Ildonza e Teresa Alfonso.[17]
  • Gutierre Bermúdez (fl. 1086-1130), conde, esposo de Toda Pérez de Trava e pai do conde Vela Gutiérrez.[18][19][14]
  • Urraca Bermúdez (m. 1132/1133), a esposa do conde Gonzalo Ansúrez, irmán do célebre conde Pedro Ansúrez, pais de, entre outros, Sancha González, a esposa de Fernando Pérez de Trava, conde de Galiza. En 1128, o rei Afonso VII dooulle a herdade de San Vicente nas Asturias de Santillana.[20][16][14]
  • Ximena Bermúdez, esposa de Pelayo Muñoz, pais de Velasquita Peláez casada con Munio Doniz.[21]

Tamén puideron ser os pais de Sebastián Bermúdez, quen aparece na documentación galega aínda que non consta a súa presenza nas transaccións efectuadas polos seus irmáns.[22]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. O seu patronímico indica que o pai de Elvira se chamou Suero, aínda que a reconstrución proposta por varios autores do parentesco entre Elvira, Rodrigo Romániz e Suero Gundemáriz difere. Segundo Jaime de Salazar Acha, Elvira era neta polo lado paterno de Rodrigo Romániz cun descoñecido Suero Rodríguez nunha xeración intermedia quen sería seu pai. Acepta que Rodrigo era sobriño de Suero Gundemáriz.[3]Margarita Torres en reconstrución inicial dos parentescos ten a Elvira como filla de Suero Gundemáriz e da súa esposa Teodegonza «Guncina», á cal fai filla do conde Rodrigo Romániz. Suxere que Rodrigo era parente, non necesariamente sobriño, de Suero Gundemáriz.[4]. O historiador Miguel Calleja Puerta está de acordo co parentesco proposto por Margarita Torres.[5] Porén, esta reconstrución oponse á identificación aceptada de Teodegonza «Guncina», como filla do conde Ximeno Díaz e a súa esposa Adosinda Gutiérrez.[6] Na mesma obra, non obstante, Margarita Torres chega a outra conclusión e di que Rodrigo Romániz, sobriño de Suero Gundemáriz, tivo unha filla chamada Aragonta Rodríguez dun nobre chamado Suero e que deste matrimonio naceu Elvira Suárez.[7]
  2. Bermudo aparece, por exemplo, en 1092, confirmando un documento: ...Ueremudus Ouequiz cum filiis suis Suarius, Adefonsus et Guterrius, e o seu fillo Suero tamén confirma varios documentos ...cum fratribus suis Adefonsus et Guterius. [11]
Referencias

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Calleja Puerta, Miguel (2001). El conde Suero Vermúdez, su parentela y su entorno social: La aristocracia asturleonesa en los siglos XI y XII. KRK Ediciones. ISBN 84-95401-68-1. 
  • Salazar Acha, Jaime de (1985). Una Familia de la Alta Edad Media: Los Velas y su Realidad Histórica. Estudios Genealógicos y Heráldicos, Volumen 1 (Asociación Española de Estudios Genealógicos y Heráldicos). ISBN 84-398-3591-4. 
  • Torres Sevilla-Quiñones de León, Margarita Cecilia (1999). Linajes nobiliarios de León y Castilla: Siglos IX-XIII. Salamanca: Junta de Castilla y León, Consejería de educación y cultura. ISBN 84-7846-781-5. 
Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Bermudo_Ovéquiz&oldid=5312335"