Catedral de Notre-Dame de París

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Este artigo trata sobre a sé parisiense, para a novela véxase: Notre-Dame de París.
Catedral de Notre-Dame de París
Cathédrale Notre-Dame de Paris - 12.jpg
Entrada principal na fachada a occidente
Datos xerais
PaísFlag of France.svgFrancia
RexiónFlag of Île-de-France.svg Illa de Francia
TipoCatedral
AdvocaciónNosa Señora de París, Benaventurada Virxe María (patroa)
LocalizaciónÎle de la Cité, París Flag of France.svgFrancia
Coordenadas48°51′11″N 2°20′59″L / 48.853, 2.3498Coordenadas: 48°51′11″N 2°20′59″L / 48.853, 2.3498
CatalogaciónPatrimonio da Humanidade (1991)
Culto
CultoIgrexa católica
DioceseArquidiocese de París
Arquitectura
Construción1163 - 1345
Estilogótico
Páxina webwww.notredamedeparis.fr
4e arrondissement de Paris/France/Ile-de-France/Paris
editar datos en Wikidata ]

A Notre-Dame de París, coñecida como Notre-Dame, é a catedral da arquidiocese católica de París. Notre-Dame de París non é a meirande das catedrais francesas, mais é, sen dúbida unha das máis importantes da arquitectura dese país. Esta obra mestra, un dos símbolos da capital francesa, sitúase no extremo leste da Île de la Cité (Illa da Cidade), centro histórico da capital, á beira do Sena. A súa fachada occidental domina a praza de Notre-Dame, rebautizada Praza de Xoán Paulo II. Unha placa de bronce incrustada no chan serve de punto cero a tódalas distancias das estradas que saen de París.

É unha das máis antigas catedrais francesas de estilo gótico. A súa construción iniciouse no ano 1163,[1] e está dedicada a María, nai de Xesús Cristo (de aí o nome de Notre-Dame – Nosa Señora).

Durante traballos de mantemento e restauración, a catedral incendiouse o 15 de abril de 2019, sufrindo danos significativos que provocaron a destrución de dous terzos do tellado e o chapitel.[2] Ámbalas torres estaban seguras, malia a dúbida inicial de que a torre norte non se puidese salvar. Debido á renovación en curso, as estatuas de cobre que normalmente estaban no chapitel derrubado foran retiradas do edificio unha semana antes. Un dos bombeiros sufriu feridas graves durante o incendio. A Île de la Cité foi completamente evacuada por medo a que o lume se espallase máis. Moitos artefactos foron salvados antes de que o lume se estendese a outras partes da catedral. O presidente francés Emmanuel Macron anunciou que a catedral de Notre-Dame sería reconstruída, declarando "É parte do destino, o destino de Francia e do noso proxecto común nos próximos anos. E estou comprometido con iso."[3][4]

Historia[editar | editar a fonte]

Construción inicial[editar | editar a fonte]

O local da catedral contaba xa, antes da construción do edificio, cun sólido historial relativo ó culto relixioso. Os celtas celebraran aquí as súas cerimonias onde, máis tarde, os romanos erixirían un templo de devoción ao deus Xúpiter. Tamén neste local existiu a primeira igrexa cristiá en París, a Basílica de Saint-Etienne, proxectada por Childeberto I ao redor do 528. En substitución desta obra xorde unha igrexa románica que permanecerá ata 1163, cando se dá o impulso na construción da catedral.

DSC00733 Notre Dame Paris from east.jpg

Xa en 1160, e en resultado do ascenso centralizador de París, o Bispo Maurice de Sully considera a presente igrexa pouco digna dos novos valores e mándaa demoler. O gótico inicial, coas súas innovacións técnicas que permiten formas ata entón imposibles, é a resposta á demanda dun novo concepto de prestixio no dominio citadino. Durante o reinado de Luís VII, e baixo o seu apoio, este proxecto é bendicido financieiramente por todas as clases sociais con interese na creación do símbolo do seu novo poder. Así, e tendo en conta a grandeza do proxecto, o programa seguiu velozmente e sen interrupcións que puidesen ocorrer por falta de medios económicos (algo común, na época, en construcións de grande envergadura).

A construción iníciase en 1163 reflectindo algúns trazos condutores da abadía de Saint Denis, subsistindo aínda dúbidas en canto á identidade de quen "colocaría" a primeira pedra, o Bispo Maurice de Sully ou o Papa Alexandre III. Ao longo do proceso (a construción, incluíndo modificacións, durou ata mediados do século XIV) foron varios os arquitectos que participaron no proxecto, esclarecendo este factor as diferenzas estilísticas presentes no edificio. Comeza con cinco naves, e as naves laterais tiñan escasa altura en comparación coa nave central. Esta, no interior, excepcionalmente, presenta catro niveis: arquerías, tribunas, unha fileira de rosetóns (ou triforio) e as ventás superiores (ou clarestorio).[1]

En 1182 o coro xa prestaba servizos relixiosos e, durante a transición entre os séculos, está a nave terminada. Ó comezo do século XIII arrincan as obras da fachada oeste coas súas dúas torres, estendéndose a mediados do mesmo século. Os brazos do transepto (de orientación norte-sur) son traballados de 1250 a 1267 con supervisión de Jean de Chelles e Pierre de Montreuil.

Simultaneamente levantáronse outras catedrais ó seu redor nun estilo máis avanzado dentro do gótico como a Catedral de Chartres, a Catedral de Reims e a Catedral de Amiens.

Historia moderna[editar | editar a fonte]

Vista de sueste

A catedral foi, a finais do século XVII, durante o reinado de Luís XIV, escenario de alteracións substanciais principalmente na zona leste, na que túmulos e vidrieiras foron destruídas para substituír por elementos máis ó gusto do estilo artístico da época, o Barroco. En 1793, durante a Revolución francesa e baixo o culto á razón, máis elementos da catedral foron destruídos e moitos dos seus tesouros roubados, acabando o espazo en si por servir de almacén para alimentos.

Co florecer da época romántica, a catedral vese con outros ollos e a filosofía envórcase cara ao pasado, enaltecendo e mistificando nunha aura poética e etérea a historia doutras épocas e a súa expresión artística. Baixo esta nova luz do pensamento iníciase un programa de restauración da catedral en 1844, liderado polos arquitectos Eugène Viollet-lle-Duc e Jean-Baptiste-Antoine Lassus, que se estendeu por vinte e tres anos.

En 1871, co curto ascenso da Comuna de París, a catedral vólvese novamente pano de fondo ás turbulencias sociais, durante as que se cre ser case incendiada. En 1965, como consecuencia de escavacións para a construción dun aparcamento subterráneo na praza da catedral, foron descubertas catacumbas que revelaron ruínas romanas, da catedral merovinxia do século VI e de habitacións medievais. Xa máis próximo á actualidade, en 1991, foi iniciado outro proxecto de restauración e mantemento da catedral que, aínda que foi previsto para que durase dez anos, prolóngase ata a actualidade.

Renovacións modernas[editar | editar a fonte]

A cachotaría de pedra do exterior da catedral deteriorouse durante os séculos XIX e XX por mor do crecemento da polución do aire en París, que acelerou a erosión das decoracións e a decoloración da pedra. A finais da década de 1980, varias gárgolas e torretas caeron ou afrouxáronse demais como para ficar no seu lugar.[5] Un programa de renovación dunha década de duración comezou en 1991 e restaurou gran parte do exterior, con especial coidado de manter os auténticos elementos arquitectónicos da catedral, incluíndo a inspección rigorosa dos novos bloques de pedra calcaria.[5][6] Un discreto sistema de cables eléctricos, non visible dende abaixo, tamén foi instalado no teito para disuadir as pombas.[7] O órgano da catedral foi actualizado cun sistema computarizado para controlar as conexións mecánicas ás tubaxes.[8] A fachada oeste foi limpada e restaurada a tempo para as celebracións do novo milenio en decembro de 1999.[9]

O conxunto de catro campás do século XIX que hai no alto das torres norte de Notre-Dame foron derretidas e convertéronse en novas campás de bronce en 2013, co gallo do 850 aniversario do edificio. Foron deseñadas para recrear o son das campás orixinais da catedral, do século XVII.[10][11] Malia a renovación da década de 1990, a catedral continuou amosando sinais de deterioración que levaron ó goberno nacional a propoñer outro programa de restauración a finais da década de 2010.[12][13] A restauración completa estimouse nun valor de 100 millóns de euros, que o Arcebispado de París recadou a través do goberno nacional e de doazóns privadas.[14] Unha renovación do chapitel, por valor de 6 millóns de euros, comezou a finais de 2018 e continuou o ano seguinte, requirindo a eliminación temporal de estatuas de cobre no teito e outros elementos decorativos días antes do incendio de abril de 2019.[15][16]

Lume do 15 de abril de 2019[editar | editar a fonte]

O edificio ardendo o 15 de abril de 2019.

O 15 de abril de 2019 ás 18:50 (hora local),[2] a catedral incendiouse, causando o colapso do chapitel e do tellado de carballo.[2][17][18] Inicialmente, a extensión dos danos era descoñecida, así como a causa do propio lume, malia que se especulou que podía estar conectado cos traballos de renovación.[18][17] O presidente francés Emmanuel Macron dixo que aproximadamente 400 bombeiros axudaron a combater o lume.[19] A bóveda de pedra que forma o teito da catedral permaneceu en gran parte intacta, evitando que as madeiras ardentes caesen no baixo do edificio. A estrutura principal da catedral considérase segura, despois de que o lume fose extinguido[20]

O billonario François-Henri Pinault anunciou que se comprometía con 100 millóns de euros para a renovación e pediu un esforzo conxunto para financiar as reparacións.[21] Pouco despois, o billonario Bernard Arnault e a súa familia prometeron 200 millóns de euros adicionais para a restauración "desta extraordinaria catedral, que é un símbolo de Francia, do seu patrimonio e da unidade francesa.".[22]

A literatura e a fama[editar | editar a fonte]

Durante o espírito do Romanticismo, Victor Hugo escribiu, en 1831, o romance A nosa Señora de París. Situando os acontecementos na catedral durante a Idade Media, a historia trata de Quasimodo, que se namora dunha xitana de nome Esmeralda. A ilustración poética do monumento abre portas a un novo desexo de coñecemento da arquitectura do pasado e, principalmente, da Catedral de Notre-Dame de París.

"E a catedral non era só a súa compañeira, era o universo; mellor dito, era a Natureza en si mesma. El nunca soñou que había outros setos que as vidrieras en continua floración; outra sombra que a do follaxe de pedra sempre en cernes, cheo de paxaros nos matorrais dos capiteis saxóns; outras montañas que as colosais torres da igrexa; ou outros océanos que París ruxindo baixo os seus pés."
Víctor Hugo, Notre-Dame de París, 1831

Momentos importantes na catedral[editar | editar a fonte]

Catedral[editar | editar a fonte]

Plano da catedral por Viollet-le-Duc

Existe aínda nesta catedral unha dualidade de influencias estilísticas: por unha banda, reminiscencias do románico normando, coa súa forte e compacta unidade, doutra banda, o xa innovador aproveitamento das evolucións arquitectónicas do gótico, que confiren ao edificio unha lixeireza e aparente facilidade na construción vertical e no soporte do peso da súa estrutura (sendo o esqueleto de soporte estrutural visible só dende o exterior).

A planta está demarcada pola formación en cruz romana orientada a Occidente, de eixe lonxitudinal acentuado, e non é perceptible dende o exterior. A cruz está "incrustada" no edificio, envolvida por un dobre deambulatorio, que circula polo coro na cabeceira (ó leste) e prolóngase paralelamente á nave, dando lugar, así, a catro naves laterais.

A fachada occidental[editar | editar a fonte]

Diagrama explicativo das áreas da Fachada Oeste de Notre-Dame

Esta é a fachada principal e non só a de maior impacto e monumentalidade, tamén a de maior popularidade.

Pódese establecer unha afinidade na composición e trazos xerais coa fachada da Catedral de Saint-Denis, unha derivación da fachada do románico normando.

A fachada presenta un conxunto proporcional, unha orde de trazado coherente, de construción racional, reducindo os seus elementos ó esencial, non sendo, talvez por iso, influenciada por outros arquitectos contemporáneos do gótico. Aquí optouse por unha parede "plástica" que interconecta todos os seus elementos e pasa a integrar tamén a escultura en lugares predefinidos, evitando que medre espontánea e aleatoriamente como ocorría no románico.

A fachada presenta tres niveis horizontais e está dividida en tres zonas verticais polos contrafortes lixeiramente prominentes que unen en verticalidade os dous pisos inferiores e reforzan os picos das dúas torres.

As torres teñen 69 metros de altura. A torre sur contén a famosa campá Emmanuel. Pode visitarse, pasando pola galería das quimeras.

Nivel inferior[editar | editar a fonte]

Neste nivel son evidentes tres portais que xorden en épocas diferentes e que forman un conxunto que pasa a ser utilizado na arquitectura a partir de mediados do século XII.

  • Portal de Santa Ana

É o portal da dereita e vén da época do inicio da construción da catedral.

  • Portal da Virxe

É o portal da esquerda e pertence ó século XIII, con iconografía referente a María.

  • Portal do Xuízo

É o portal central e o máis novo do conxunto.

Nivel intermedio[editar | editar a fonte]

Dominando o nivel intermedio atópase o rosetón, de 13 metros de diámetro no centro, encaixado entre os contrafortes e xanelas xemelgas a cada lado.

Vista da cabeceira na zona leste

Nivel superior[editar | editar a fonte]

Aquí érguense as dúas torres de 69 metros de altura - influencia normanda do século XII que acabou por permanecer na arquitectura relixiosa europea.

A cabeceira[editar | editar a fonte]

A estrutura de soporte de peso é visible dende o exterior ó ladear todo o edificio, mais na zona da cabeceira a elegancia destes elementos resulta nunha fluidez visual que só se torna posible despois de 1225, cando as capelas son acrecentadas ó exterior.

Nesta altura todo o esplendor técnico do gótico está ó alcance e os arcobotantes, que flúen da zona superior da parede do coro, onde a impulsión da bóveda para o exterior se concentra, prolónganse ata os contrafortes, transmitindo leveza e harmonía.

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

A catedral ó anoitecer 
 
 
 
 
 

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,01,1 Benito Martín, Félix (1994). "Aspectos históricos de la catedral de León. La influencia de las catedrales europeas". Conservación de vidrieras históricas: Análisis y diagnóstico de su deterioro. Restauración. Memoria del seminario en conservación de vidrieras históricas. Os Ánxeles: The Getty Conservation Institute. pp. 45–54. ISBN 0-89236-492-0. 
  2. 2,02,12,2 Breeden, Aurelien (15 de abril de 2019). The New York Times, ed. "Part of Notre-Dame Spire Collapses as Paris Cathedral Catches Fire". Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2019. Consultado o 15 de abril de 2019. 
  3. BBC News, ed. (15 de abril de 2019). "Notre-Dame cathedral engulfed by fire". Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2019. Consultado o 15 de abril de 2019. 
  4. Associated Press, ed. (15 de abril de 2019). "The Latest: French leader vows to rebuild damaged Notre Dame". Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2019. Consultado o 15 de abril de 2019. 
  5. 5,05,1 Simons, Marlisle (9 de abril de 1992). The New York Times, ed. "To Notre Dame's Rescue, Sickly Gargoyles and All". p. A4. Consultado o 16 de abril de 2019. 
  6. August, Marilyn (7 de abril de 1991). Los Angeles Times, ed. "Notre Dame Church Will Get Face Lift". Associated Press. Consultado o 16 de abril de 2019. 
  7. The Guardian, ed. (14 de abril de 1998). "Paris pigeons to get shock treatment at Notre Dame". Consultado o 16 de abril de 2019 – vía Deseret News. 
  8. Whitney, Craig R. (3 de abril de 1995). The New York Times, ed. "Notre Dame's Organ and Computer Are No Duet". p. A4. Consultado o 16 de abril de 2019. 
  9. Bremner, Charles (21 de decembro de 1999). The Times, ed. "Paris given a millennium makeover". p. 15. 
  10. de la Baume, Maia (19 de outubro de 2011). The New York Times, ed. "A Melodic Emblem Falls Out of Tune". p. A6. Consultado o 16 de abril de 2019. 
  11. USA Today, ed. (2 de febreiro de 2013). "New Notre Dame bells make harmonious history". Associated Press. Consultado o 16 de abril de 2019. 
  12. Breeden, Aurelien (28 de setembro de 2017). The New York Times, ed. "In Paris, Worn-Out Notre-Dame Needs a Makeover, and Hopes You Can Help". Consultado o 16 de abril de 2019. 
  13. Walt, Vivienne (27 de xullo de 2017). Time, ed. "Notre Dame Cathedral Is Crumbling. Who Will Help Save It?". Consultado o 16 de abril de 2019. 
  14. Sage, Adam (10 de marzo de 2018). The Times, ed. "Paris's crumbling Notre-Dame looks to wealthy foreigners for salvation". Consultado o 16 de abril de 2019. 
  15. "Massive fire engulfs beloved Notre Dame Cathedral in Paris". Associated Press. 15 de abril de 2019. Consultado o 16 de abril de 2019. 
  16. BBC News, ed. (16 de abril de 2019). "Notre-Dame cathedral: Macron pledges reconstruction after fire". Consultado o 16 de abril de 2019. 
  17. 17,017,1 Seiger, Theresa. "Fire reported at Paris' Notre Dame cathedral". Atlanta Journal Constitution. Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2019. Consultado o 15 de abril de 2019. 
  18. 18,018,1 El-Bawab, Nadine (15 de abril de 2019). "Roof collapses at Paris' Notre Dame Cathedral as massive fire rages". CNBC. Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2019. Consultado o 15 de abril de 2019. 
  19. "Notre-Dame cathedral engulfed by fire". BBC News. Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2019. Consultado o 15 de abril de 2019. 
  20. "Notre Dame Cathedral Fire, Paris, France Landmark, Live News". The Guardian (en inglés). Arquivado dende o orixinal o 15 de abril de 2019. Consultado o 15 de abril de 2019. 
  21. "French billionaire pledges €100m to rebuilding efforts". The Guardian (en inglés). Consultado o 15 de abril de 2019. 
  22. "Billionaire Arnault's family and LVMH to donate 200 mln euros for Paris' Notre-Dame". Reuters. Reuters. Consultado o 16 de abril de 2019. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Catedral_de_Notre-Dame_de_París&oldid=5124909"