Chester Stock

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Chester Stock
Nacemento28 de xaneiro de 1892
 San Francisco
Falecemento7 de decembro de 1950
NacionalidadeEstados Unidos de América
Alma máterUniversidade de California en Berkeley
Ocupaciónpaleontólogo e catedrático de universidade
editar datos en Wikidata ]

Chester Stock, nado en San Francisco o 28 de xaneiro de 1892 e finado en Pasadena (tamén California) o 7 de decembro de 1950, foi un paleontólogo norteamericano que se dedicou ao estudo dos réptiles e os mamíferos do mesozoico e o cenozoico do seu estado natal.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Naceu no seo dunha familia de inmigrantes alemáns, e o seu interese na paleontoloxía quizais fora estimulado polos modelos de animais prehistóricos que se exhibían na Academia de Ciencias de California.

O incendio resultante do gran terremoto de San Francisco de 1906 destruíu estes modelos e tamén a economía da cidade. Stock tivo que abandonar a escola e ingresar na Garda Nacional de California, a pesar de contar só con 14 anos de idade, para axudar a familia, cuxa casa se perdera no incencio. Traballou durante un tempo na Union Iron Works até que a súa saúde empeorou debido ao esforzo do traballo e como secuela dun episodio de malaria que padecera.

En 1910 reanudou os seus estudos e obtivo o seu diploma de graduado na escola secundaria. Logo matriculouse na Universidade de California en Berkeley coa idea de estudar medicina. Porén, cambiou para a paleontoloxía, cambio que poida que fose inspirado polo paleontólogo desa universidade John C. Merriam. Graduouse catro anos máis tarde e, en 1917 recibiu o seu título de doutor en filosofía (Ph.D.). A súa tese foi sobre os fósiles de mamíferos do plistoceno da cova de Hawver, cerca de Auburn, tese que foi publicada o ano seguinte.

Stock pasaría a realizar investigacións sobre os mamíferos fósiles no Caltech, no Museo de Historia Natural do Condado dos Ánxeles e no Servizo Xeolóxico dos Estados Unidos (United States Geological Survey). Entre 1939 e 1944 dedicouse ao estudo dos réptiles mesozoicos de California.

Stock recibiu financiamento do Instituto Carnegie e colaborou co campus de Caltech realizando unha expedición paleontolóxica na rexión do val de San Joaquín. Nos dous primeiros anos de traballo de campo descubriu numerosos fósiles e, despois de 1940, dedicouse a estudalos e clasificalos. Entre os réptiles mesozoicos descubertos polo seu equipo están dous dinosauros, unha ducia de mosasauros, dez plesiosauros e unha tartaruga.

Durante a súa permanencia en Caltech, Stock acumulou unha inxente colección de fósiles. Stock faleceu de repente en Pasadena o 7 de decembro de 1950, aos 58 anos, mentres durmía, como consecuencia dunha hemorraxia cerebral.

En 1957, o Instituto vendeu toda a súa colección ao Museo do condado dos Ánxeles. A colección constaba de máis de 5 000 espécimes rexistrados, 50 000 exemplares sen rexistrar, 8 esqueletos completos e moitos mapas e fotografías aéreas.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Chester_Stock&oldid=4609928"