Crónica Xeral e Crónica de Castela

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
(Redirixido desde "Crónica Geral e Crónica de Castela")
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A Crónica Xeral e Crónica de Castela é un texto medieval en prosa, tradución do texto orixinal en lingua castelá. Foi escrito a finais do século XIII ou comezos do século XIV, e supón un dos primeiros testemuños da historiografía da literatura galego-portuguesa.

Características[editar | editar a fonte]

En orixe eran dous códices diferentes, os cales foron unidos a posteriori (xa o estaban no séc. XIV). Estes consérvanse en dous manuscritos, un custodiado en Salamanca (ms. 2497 da Bibliotecia Universitaria) e outro gardado na Biblioteca Nacional de Madrid (ms. 8817). Este último, o máis extenso, consta de 262 folios, e foi mandado facer durante o reinado de Fernando IV (segundo indica a inscrición do copista). Dos folios 1 a 88 hai unha tradución ampliada de Estoria de España, mandada facer por Afonso X en 1289. Os folios restantes son unha tradución do Liber Regum, outra tradución da Crónica de Castilla e mais unha crónica particular de Fernando III.

A elaboración do códice de Madrid puido ser a seguinte: primeiro tradúcese a Crónica de Castela, compilada durante o reinado de Fernando IV (1295-1312), que narra os feitos acontecidos entre 1037 e 1230, desde o reinado de Fernando I ata Fernando III; inclúe tamén unha versión refundida do Liber Regum (con información dos reis godos ata Afonso II o Casto). En data indeterminada decidiuse completala polo inicio coa versión dunha parte da Crónica Xeral afonsí ou Estoria de España[1], a que se ocupaba da dinastía leonesa, desde Ramiro I (842-850) ata Vermudo III (1028-1032). A continuación, sería incluída a crónica de Fernando III (des que se fixo rei de León, en 1230 ata a súa morte, en 1252). Tamén se fala brevemente dos últimos anos do reinado de Fernando III e dos reinados de Afonso X e Sancho IV, ata Fernando IV.

O códice de Salamanca tamén leva o título de Crónica Xeral e Crónica de Castela, mais só ten a parte da Estoria de España (ata o 1037).

A Crónica Xeral inclúe, á parte, cantares prosificados que reciben o mesmo tratamento que as fontes históricas latinas, de maneira que se introducen elementos da cultura cabaleiresca e se mestura a historiografía coa ficción. Alén disto, o autor inclúe comentarios propios sobre temas morais e transcendentes.

Reedición[editar | editar a fonte]

Foi reeditado por Ramón Lorenzo entre 1975 e 1977 no seu libro La traducción gallega de la Crónica General y la Crónica de Castilla. Esta é unha edición crítica anotada, con introdución, índice onomástico e glosario.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Na Idade Media España era o nome que recibía a Península Ibérica, pois como estado de seu non naceu ata o século XVIII.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Lorenzo, Ramón (1975/1977): La traducción gallega de la Crónica General y la Crónica de Castilla. Edición crítica anotada, con introdución, índice onomástico e glosario. 2 vols. Ourense, Instituto de Estudios Orensanos "Padre Feijoo".
  • Lorenzo, Ramón: Crónica Geral e Crónica de Castela, en Lanciani, Giulia / Giuseppe Tavani (coord.) (1993): Dicionário da literatura medieval galega e portuguesa. Lisboa: Caminho, 190-192.
  • Monteagudo, Henrique (1994): A Crónica galega dos reinos de León e Castela na historia e na historiografía galegas, en Trevor J. Dadson / R. J. Oakley / P. A. Odber de Baubeta (eds.): New frontiers in Hispanic and Luso-Brazilian scholarship. Como se fue el maestro: for Derek W. Lomax in memoriam. Lewiston: The Edwin Mellen Press, 33-55.
Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Crónica_Xeral_e_Crónica_de_Castela&oldid=4793506"