Guntō

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Unha shin guntō e unha kyū guntō en exposición.

Guntō (軍刀?, "espada militar") é o nome en xaponés usado para describir as espadas xaponesas producidas para o seu uso na mariña e no exército xaponés trala fin da era dos samurais en 1868. Na subsecuente era Meiji a armadura, armas e ideais dos samurais foron substituídos de forma gradual por uniformes, armas e tácticas de influencia occidental. Xapón desenvolveu un exército propio no ano 1872 e os samurais perderon o estado de protectores do Xapón que mantiveran durante varios centos de anos.[1] As espadas guntō producidas en masa pasaron a formar parte do equipamento estándar do novo exercito, tomando o lugar das espadas que levaban os samurais durante a era feudal.

Historia e descrición[editar | editar a fonte]

Oficiais xaponeses entregando as súas espadas a tropas indias en Malaia trala rendición do Xapón en 1945

Durante o período Meiji a clase samurai desapareceu de forma gradual, e o edicto Haitōrei de 1876 prohibiu levar espadas en público agás a determinados individuos, como os antigos daimyos, o persoal militar e a policía.[2] Os fabricantes de espadas tiveron dificultades para sobrevivir economicamente durante este período por mor da modernización do exército xaponés, e moitos deles comezaron a producir outros obxectos, como por exemplo cuberterías. As accións militares levadas a cabo polo Xapón en China e Rusia durante o período Meiji axudaron a revivir a manufactura de espadas, e xa no período Shōwa, pouco antes do comezo da Segunda Guerra Mundial, volveron a producir espadas a unha gran escala.[3]

No período de militarización previo á Segunda Guerra Mundial e durante toda a guerra tódolos oficiais xaponeses estaban obrigados a levar unha espada. Nesta época producíronse espadas de fabricación tradicional, o que resultaba insuficiente para cubrir a gran demanda de espadas, polo que aumentou o número de ferreiros con ningún ou moi poucos coñecementos na manufactura das espadas tradicionais xaponesas. A maiores disto, a subministración do aceiro xaponés específico (tamahagane) empregado na fabricación destas espadas estaba limitado polo que se viron obrigados a empregar outros tipos de aceiro e a modificar o proceso da fabricación das espadas.[4][2][3]

As espadas non tradicionais producidas neste período denomínanse "Showato", e no ano 1937 o goberno xaponés comezou a requirir o uso de etiquetas especiais para distinguilas das espadas de fabricación tradicional. As espadas Showato non se consideran verdadeiras espadas xaponesas no propio país, e poden ser confiscadas legalmente, mentres que fóra do país colecciónanse como obxectos históricos.[4][2][3]

Tipos[editar | editar a fonte]

Kyū guntō[editar | editar a fonte]

A primeira espada estándar do exército xaponés coñeceuse como kyū guntō (旧軍刀?, "vella espada militar"). Murata Tsuneyoshi (1838-1921), un xeneral xaponés que fabricara armas de fogo con anterioridade, comezou a fabricar o que probablemente foi o primeiro substituto de fabricación en masa para as espadas tradicionais xaponesas. Estas espadas coñécense como "Murata-to" e usáronse tanto na guerra sino-xaponesa (1894-1895) coma na guerra ruso-xaponesa (1904-1905).[5] As espadas kyū guntō usáronse dende 1875 ata 1934 e tiñan unha gran semellanza coas espadas estadounidenses da época.[6][7]

Shin guntō[editar | editar a fonte]

Shin guntō

A Shin guntō (新軍刀?, "nova espada militar") serviu de arma e distintivo de rango para o exército imperial xaponés entre os anos 1935 e 1945. Durante gran parte deste período as espadas fabricáronse no Arsenal Naval de Toyokawa. En resposta a un aumento do nacionalismo dentro das forzas armadas, deseñouse un novo estilo de espada para o exército xaponés no ano 1934. O shin guntō estilizouse a partir dun tachi tradicional do período Kamakura (1185-1332). Os rangos dos oficiais simbolizábanse por medio de borlas de cores atadas nun extremo da empuñadura. As cores asignadas eran o marrón/vermello e dourado para os xenerais, o marrón e vermello para os oficiais de campo, o marrón e azul para os oficiais de compañía e o marrón para os sarxentos e cabos.[7]

Tipo 94[editar | editar a fonte]

A espada de oficiais shin guntō Tipo 94 (九四式軍刀 kyūyon-shiki guntō?) substituíu ás kyu gunto de estilo occidental no ano 1934. Tiña un mango de construción tradicional (tsuka) cun recubrimento tradicional de seda (ito). A funda para o Tipo 94 estaba feita de metal cun revestimento de madeira que protexía o fío da espada. Adoitaba estar pintada de marrón e tiña dúas monturas de cobre.

Tipo 95[editar | editar a fonte]

Tipo 95

A espada shin guntō Tipo 95 (九五式軍刀 kyūgō-shiki guntō?) producida a partir do ano 1935 estaba deseñada para o seu uso por parte de oficiais non asignados. Deseñouse para parecerse aos Shin Guntō dos oficiais pero cun custo de produción en masa menor. Todas estas espadas tiñan fíos feitos a máquina e un número de serie en números arábigos.

Tipo 98[editar | editar a fonte]

No ano 1938 cambiouse ó modelo shin guntō Tipo 98 (九八式軍刀 kyūhachi-shiki guntō?), esencialmente unha simplificación do Tipo 94 con poucas diferencias entre os dous modelos. Este modelo sufriu moitos cambios dende o ano 1938 ata a fin da guerra no ano 1945.

Kaiguntō[editar | editar a fonte]

A espada Kaiguntō (海軍刀?, espada naval) é a versión naval menos común do shin guntō.[8] Algunhas destas espadas fabricáronse con fíos feitos de aceiro inoxidable.[9]

Galería de imaxes[editar | editar a fonte]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Farwell, Byron (2001). The Encyclopedia of Nineteenth-Century Land Warfare: An Illustrated World View. W. W. Norton & Company. p. 437. ISBN 9780393047707. 
  2. 2,02,12,2 Nagayama 1997, p. 43.
  3. 3,03,13,2 Sinclaire 2004, pp. 58-59.
  4. 4,04,1 Kapp, Kapp & Yoshihara 2002, pp. 58-70.
  5. Kapp, Kapp & Yoshihara 2002, p. 42.
  6. Nalty, Bernard C. (1999). War in the Pacific: Pearl Harbor to Tokyo Bay : the Story of the Bitter Struggle in the Pacific Theater of World War II, Featuring Commissioned Photographs of Artifacts from All the Major Combatants. University of Oklahoma Press. p. 10. ISBN 9780806131993. 
  7. 7,07,1 Jowett 2002, p. 41.
  8. Sinclaire 2004, p. 85.
  9. Graf, John F. (2007). Warman's World War II Collectibles: Identification and Price Guide. F+W Media, Inc. p. 212. ISBN 9780896895461. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Guntō&oldid=4631460"