Iñaki Oyarzábal

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Iñaki Oyarzábal
Inaki-Oyarzabal-numero-PP-Vitoria EDIIMA20131020 0259 1 (cropped).jpg
Nacemento19 de xuño de 1966
 Vitoria
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítico
editar datos en Wikidata ]

José Ignacio Oyarzábal Miguel, nado en Vitoria, 19 de xuño de 1966, coñecido como Iñaki Oyarzábal, é un político español do Partido Popular, onde exerce o cargo de secretario de Xustiza, Dereitos e Liberdades. Parlamentario vasco dende 1996, tamén foi secretario xeral do Partido Popular do País Vasco.

Biografía[editar | editar a fonte]

Pertencendo a unha familia ligada historicamente ó comercio na cidade de Vitoria iniciouse no mundo empresarial moi cedo, formándose na Cámara de Comercio de Vitoria, despois de rematar os seus estudos en COU tras repetir varios cursos no Colexio San Viator de Vitoria.[1][2]

A súa primeira empresa creouna con 21 anos, en 1988, abrindo dúas tendas de roupa que permaneceron abertas durante 14 anos, até 2002. Entre eses anos, Iñaki Oyarzábal creou tamén unha axencia inmobiliaria que contou con seis empregados e que se pechou en 2009. Participou no Programa de Liderado para a Xestión Pública que se imparte no IESE Business School.[3]

Con 24 anos foi elixido presidente da Asociación de Comerciantes do Centro Comercial Dendaraba do que asumiu a xerencia até 1995. Foi o membro máis novo da Xunta Directiva da Federación de Empresarios de Comercio e Servizos de Áraba. Nesa época fundou a Asociación de Novos Empresarios de Áraba (AJEBASK).

En xuño de 2012, aceptou aparecer na listaxe de gais máis influentes de España, publicado pola Outra Crónica de face á celebración do día Internacional do Orgullo LGBT, recoñecendo publicamente a súa homosexualidade por primeira vez.[4][5]

Traxectoria política[editar | editar a fonte]

Con inquietudes políticas moi temperás o seu primeiro referente político era Adolfo Suárez ó que tivo a oportunidade de coñecer con 15 anos nunha cea en Vitoria en 1982, cando Suárez era líder do CDS. Posteriormente, con 18 anos afiliouse ao Partido Demócrata Popular (PDP) liderado entón no País Vasco por Jaime Mayor Oreja. Axiña o elixiron secretario xeral das Mocidades Democristiás do PDP en Euskadi onde coñeceu a Carlos Iturgaiz. En 1989, e tras a refundación do Partido Popular (PP), foi elixido presidente de Novas Xeracións de Áraba. En 1993, foi elixido presidente das Novas Xeracións de Euskadi. Neses anos, xunto con Alfonso Alonso, incorporáronse ás Novas Xeracións do PP boa parte dos dirixentes do Partido Popular do País Vasco, como Antonio Basagoiti, Arantza Quiroga ou Borja Sémper, a chamada «Xeración Miguel Ángel Blanco» debido a que este concelleiro asasinado por ETA en 1997 formaba parte dese equipo.[6]

En 1995, con 29 anos, ó ser elixido concelleiro do Concello de Vitoria ocupou o seu primeiro cargo público. Posteriormente entrou no Parlamento Vasco no que foi reelixido parlamentario por Áraba durante cinco lexislaturas, durante as cales foi voceiro de educación. Foi vicepresidente do Consello vasco do movemento europeo (Eurobask). Foi secretario xeral do PP de Áraba durante a presidencia de Ramón Rabanera e seguiu séndoo con Alfonso Alonso como presidente.[7]

Director das campañas do Partido Popular do País Vasco dende o ano 1999, Iñaki Oyarzábal foi un dos primeiros críticos de María San Gil por cuestionar o liderado de Mariano Rajoy.[8] En 2008, tras a chegada de Antonio Basagoiti á presidencia do partido, foi nomeado secretario xeral. Nas eleccións ao Parlamento Vasco de 2009 foi cabeza de lista por Árana. En febreiro de 2012 foi nomeado secretario de Xustiza, Dereitos e Liberdades do PP.

De perfil centrista e liberal, xunto con Javier Maroto é un dos poucos políticos do Partido Popular que criticou publicamente a posición da súa formación sobre o matrimonio homosexual. O 27 de febreiro de 2009 nunha entrevista ofrecida no País declarou: «Defendo o recoñecemento dos dereitos de gais e lesbianas, e estou de acordo co matrimonio homosexual».[9] Tres anos despois recoñeceu publicamente a súa propia homosexualidade.[10]

En marzo de 2012 tachou a algunhas organizacións de vítimas do terrorismo como "radicais e ultras" durante unha entrevista concedida a Radio Nacional de España, polo que Voces contra o Terrorismo (VcT) solicitou a súa destitución.[11]

Notas[editar | editar a fonte]

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

  • Fichas do Parlamento vasco: Iñaki Oyarzabal de Miguel.
Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Iñaki_Oyarzábal&oldid=4692328"