IFA Premiership

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

A IFA Premiership (coñecida por razóns de patrocinio como Carling Premiership e moitas veces referida como Irish League) é a máxima competición de fútbol profesional en Irlanda do Norte. A competición é organizada pola Asociación Irlandesa de Fútbol. Substitúe dende o 2008 á Irish Premier League, anterior campionato do país e segunda liga máis antiga do mundo por detrás da Scottish Premier League.

Trátase da primeira liga da illa de Irlanda, sendo a súa primeira edición en 1890. En 1921 pasou a ser a liga de Irlanda do Norte cando a República de Irlanda se independizou e pasou a disputar a Liga do Estado Libre (actual League of Ireland Premier Division). No campionato norteirlandés permaneceron tódolos clubs do país ata 1972, cando o Derry City F.C. abandonou o seu esquema para pasar en 1984 a xogar a liga irlandesa.

Ao longo da súa historia o campionato contou cunha presenza maioritaria de equipos de Belfast, e catro formacións (Linfield, Glentoran, Cliftonville e Lisburn Distillery) teñen disputado tódalas tempadas. O equipo que máis veces gañou a competición foi o Linfield, cun total de 49 títulos.

Formato[editar | editar a fonte]

A tempada da liga norteirlandesa celébrase dende agosto ata maio, do mesmo xeito que a meirande parte dos campionatos británicos. A competición dispútase nun formato de tres voltas entre os 12 equipos que forman a primeira categoría, cunha puntuación en base ás regras da UEFA, con 3 puntos para o vencedor, ningún para o perdedor e 1 en caso de empate. Ao finalizar as tres roldas, os seis primeiros clasificados xogan entre si a unha soa volta, mentres que os seis últimos fan o mesmo. En total, cada equipo disputa 38 partidos ao finalizar a tempada.

O equipo que finaliza na primeira posición proclámase campión de Liga, mentres que o último descende á segunda categoría, de carácter semiprofesional e coñecida como IFA Championship. Se dous equipos empatan a puntos, prodúcese un desempate mediante a diferenza de goles ou, só en caso de persistir, polo maior número de goles anotados. O penúltimo clasificado disputa un partido de promoción fronte ao segundo clasificado da segunda categoría. Amais, para manter a praza na máxima categoría é preciso cumprir unha serie de requirimentos que certifiquen a viabilidade da formación.

O campionato sempre se disputou nos meses dende outono ata primavera, a diferenza do campionato da República de Irlanda que se disputa nos meses de verán. Os partidos adoitan xogarse os sábados pola tarde, con encontros ocasionais os venres e mércores, e son tradicionais as xornadas nas festividades dos Bank holiday: o 26 de decembro (Boxing Day), Aninovo, e xoves de Pascua.

Competicións europeas[editar | editar a fonte]

O campión de liga clasifícase para a UEFA Champions League, e parte dende a primeira fase da rolda de clasificación. O segundo clasificado xoga a UEFA Europa League a partir da primeira rolda de clasificación, mentres que o campión da Copa de Irlanda do Norte faino dende a segunda rolda de clasificación. Amais, os dous primeiros clasificados xogan a Setanta Cup que enfronta aos mellores equipos de Irlanda do Norte contra os mellores da República de Irlanda.

Equipos da tempada 2018–19[editar | editar a fonte]

  • Ards
  • Ballymena United
  • Cliftonville
  • Coleraine
  • Crusaders
  • Dungannon Swifts
  • Glenavon
  • Glentoran
  • Institute
  • Linfield
  • Newry City
  • Warrenpoint Town

Historia[editar | editar a fonte]

O fútbol chegou á illa de Irlanda en 1878, cando dous equipos escoceses, o Queen's Park e o Caledonians, disputaron un partido de fútbol no campo de cricket de Ballynafeigh, en Belfast. Dous anos despois, o 18 de novembro de 1880, fundouse no Queens Hotel de Belfast a Asociación Irlandesa de Fútbol (IFA), cuxo primeiro secretario foi John M. McAlery.[1]

Logo de organizarse distintos partidos non oficiais, a Asociación comezou o 9 de abril de 1881 o primeiro campionato oficial, o torneo de Copa. Tamén se disputou o primeiro partido oficial da selección irlandesa fronte a Inglaterra, cunha avultada derrota por 13-0. Finalmente, en 1890 constituíuse o primeiro campionato de liga profesional da illa, unha semana despois de constituírse a liga escocesa. O torneo denominouse Liga Irlandesa (Irish League), contou con oito equipos de Belfast e arredores, e o seu primeiro campión foi o Linfield FC.[2]

Durante os primeiros vinte anos de historia do campionato xogaron equipos de toda a illa de Irlanda, e algúns como o Shelbourne FC ou o Bohemians FC chegaron a formar parte da primeira categoría.[2] Non obstante, a independencia da República de Irlanda en 1920 provocou que tódolos equipos da zona independizada crearan un novo campionato (Liga do Estado Libre) e unha nova asociación (FAI), polo que a partir da tempada 1921-22 a liga pasou a estar formada só por equipos de Irlanda do Norte.[3]

Nas seguintes tempadas, houbo un claro dominio dos equipos de Belfast, e non foi ata 1952 cando un equipo que non era desa cidade, o Glenavon FC de Lurgan, se proclamou campión. O campionato non foi alleo ao conflito de Irlanda do Norte e o Derry City F.C., campión en 1965, renunciou á liga tras prohibírselle xogar no seu campo, o Brandywell Stadium, por razóns de seguridade, pasando a competir a partir de 1984 na liga da República de Irlanda.[4]

A partir de 1995 introduciuse unha segunda división, formada por equipos afeccionados e semiprofesionais, polo que o campionato dividiuse en dúas partes: a Premier e a First Division. Non obstante, a deterioración do nivel do fútbol irlandés provocou que no 2003 a IFA se fixera cargo dos campionatos de liga, unindo a tódolos equipos profesionais nunha única división formada por 16 clubs e creando categorías intermedias.

Reestruturación do campionato[editar | editar a fonte]

No 2008 a Asociación Irlandesa de Fútbol anunciou unha reestruturación do campionato profesional a partir da tempada 2008-09. O torneo pasou a denominarse IFA Premiership, reduciu o número de participantes a 12 clubs, e modificaba os requirimentos para poder optar a unha praza na máxima categoría. Amais de basearse na tempada 2007-08, a federación tomou os datos de cada equipo nas dúas tempadas anteriores para escoller quen comezaban dende a primeira división.[5]

Amais, a IFA outorgaba distintos puntos a cada equipo en base a varios criterios: resultados deportivos en competicións nacionais, internacionais e plans deportivos (450 puntos), apoio de institucións e finanzas (200 puntos), infraestruturas e estadio (150 puntos), persoal (100 puntos), planificación económica e asistencia ao campo (50 puntos cada un). A Federación foi moi escrupulosa cos prazos, ata o punto de que o Portadown FC foi descendido á segunda categoría por entregar a documentación con media hora de atraso.[5] O primeiro campión baixo o novo sistema foi o Glentoran FC.

Títulos[editar | editar a fonte]

Na tempada 1905-06, Cliftonville e Distillery tiveron que compartir o campionato de liga ao empatar na clasificación e en dous partidos de playoff polo título.[3]

Club Veces campión Anos campión
Linfield Football Club 51 1890/91, 1891/92, 1892/93, 1894/95, 1897/98, 1901/02, 1903/04, 1906/07, 1907/08, 1908/09, 1910/11, 1913/14, 1921/22, 1922/23, 1929/30, 1931/32, 1933/34, 1934/35, 1948/49, 1949/50, 1953/54, 1954/55, 1955/56, 1958/59, 1959/60, 1960/61, 1961/62, 1965/66, 1968/69, 1970/71, 1974/75, 1977/78, 1978/79, 1979/80, 1981/82, 1982/83, 1983/84, 1984/85, 1985/86, 1986/87, 1988/89, 1992/93, 1993/94, 1999/00, 2000/01, 2003/04, 2005/06, 2006/07, 2007/08, 2009/10, 2010/11, 2011/12.
Glentoran Football Club 23 1893/94, 1896/97, 1904/05, 1911/12, 1912/13, 1920/21, 1924/25, 1930/31, 1950/51, 1952/53, 1963/64, 1966/67, 1967/68, 1969/70, 1971/72, 1976/77, 1980/81, 1987/88, 1991/92, 1998/99, 2002/03, 2004/05, 2008/09.
Belfast Celtic 14 1899/00, 1914/15, 1918/19, 1919/20, 1925/26, 1926/27, 1927/28, 1928/29, 1932/33, 1935/36, 1936/37, 1937/38, 1938/39, 1939/40, 1940/41, 1941/42, 1943/44, 1946/47, 1947/48
Lisburn Distillery 6 1895/96, 1898/99, 1900/01, 1902/03, 1905/06, 1962/63
Crusaders Football Club 4 1972/73, 1975/76, 1994/95, 1996/97
Portadown Football Club 4 1989/90, 1990/91, 1995/96, 2001/02
Cliftonville Football Club 3 1905/06, 1909/10, 1997/98
Glenavon Football Club 3 1951/52, 1956/57, 1959/60
Ards Football Club 1 1957/58
Coleraine Football Club 1 1973/74
Derry City Football Club 1 1964/65
Queen's Island 1 1923/24

Medios[editar | editar a fonte]

A Asociación Irlandesa de Fútbol mantén acordos coa televisión por cable Sky Sports para a retransmisión dos partidos de liga ata 2012. Amais, as canles en aberto UTV e BBC (na súa desconexión rexional) emiten amplos resumos dos partidos e programas especiais sobre o campionato. Ao negociar a federación norteirlandesa coas televisións, os clubs están obrigados a formar un grupo común de negociación.[6]

Patrocinio[editar | editar a fonte]

O actual patrocinador da liga é Carling, unha marca de cervexa. A empresa paga 80.000 libras esterlinas cada ano por dar o seu nome ao campionato.[7]

Notas[editar | editar a fonte]

  1. "About the IFA". Asociación Irlandesa de Fútbol. 
  2. 2,02,1 "Northern Ireland - Final League Tables 1890-1998". RSSSF. 
  3. 3,03,1 "Palmarés de Cliftonville". Cliftonville Football Club. Arquivado dende o orixinal o 14 de marzo de 2012. 
  4. Bradley, Steve. "El último tabú del fútbol", ESPNsoccernet. Consultado el 30 de abril de 2007.
  5. 5,05,1 "Portadown out of Premier League". BBC. 13 de maio de 2008. 
  6. "Irish League gets TV deal". BBC. 
  7. "Carling to sponsor Premiership". BBC. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=IFA_Premiership&oldid=4913035"