María Gómez González

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
María Gómez González
Nacemento6 de febreiro de 1905
 Belmez
Falecemento23 de febreiro de 1986
 Lugo
NacionalidadeEspaña
Ocupaciónpolítica
editar datos en Wikidata ]

María Purificación Gómez González, nada en Belmez (provincia de Córdoba) o 6 de febreiro de 1905 e finada en Lugo o 23 de febreiro de 1986, foi unha política galega.

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O pai traballara como enxeñeiro de vías e obras nos camiños de ferro, de aí que ela nacese en Bélmez. Porén, a familia mudou máis tarde a Vigo. María Gómez afiliouse a Izquierda Republicana, partido fundado en 1934 por Manuel Azaña, cando tiña 29 anos. Estaba casada cun mestre nacional que estaba destinado na escola parroquial de Parada das Achas, na Cañiza. Presentouse ás eleccións municipais o 16 de febreiro de 1936, por Izquierda Republicana, e na votación do 14 de marzo María Gómez converteuse na primeira alcaldesa da Cañiza e na única muller alcaldesa na Galicia do 36.[1][2]

Golpe de Estado[editar | editar a fonte]

Ás 10 da mañá do día 21 de xullo de 1936, as forzas da Compañía de Asalto de Pontevedra entran na Cañiza e fanse co concello sen atopar ningunha resistencia, onde apreixaron as armas que alí se atopaban e armaron os simpatizantes do movemento militar. A alcaldesa é detida e levada á prisión de Ribadavia. O 10 de outubro celébrase en Vigo consello de guerra contra ela, e é condenada por rebelión militar á pena de morte, xunto a Jesús Eugenio Pérez Pérez e Antonio Mojón Vázquez, mestres nacionais, Tirso Gómez Freijido, latoeiro, e Justo Moure Giráldez, propietario do bar O Paraíso e concelleiro, todos eles socialistas. A sentenza recibiu o voto particular do presidente do consello que non atopou gravidade nos feitos demostrados, e optou pola reclusión perpetua. O día 11 de outubro María alega estar preñada, e despois de ser recoñecida, o alférez médico Manuel Rodríguez-Grandjean ditamina que era posible que estivese de dous meses. Os seus compañeiros foron executados[1].

O seu home fica preso no cárcere da illa de San Simón. O 2 de novembro Gómez escribe a Francisco Franco pedíndolle clemencia. O 13 de decembro chega a conmutación da pena de morte pola de reclusión perpetua, e pouco despois trasládana ao cárcere de mulleres de Mutriku, en Guipúscoa. Mais logo foi trasladada ao de Santurrarán, onde fixo amizade con Urania Mella.

Posguerra[editar | editar a fonte]

En xuño de 1943 María é posta en liberdade, tras serlle conmutada a perpetua por unha condena de doce anos e un día. Logo de pasar por Ribadavia marcha á cidade de Lugo, onde se establece definitivamente cos catro fillos. Coa saída da cadea de Urania en 1945, vaise a vivir con ela, coa compaña do seu fillo Raúl.[3] Dá aprobado unhas oposicións para enfermeira, despois de conseguir cancelar os antecedentes penais. Exerceu de enfermeira de vacinacións ata a súa xubilación en 1977, e recibiu diversas condecoracións do ministerio de Sanidade. Participou nunha serie de programas de radio como guionista, baixo o alcume de Maruja de Córdoba e morreu aos 81 anos de idade.


Predecesor:
?
 Escudo de A Cañiza.svg
Alcaldesa da Cañiza
 
14/3/1936 - 21/7/1936
Sucesor:
Enrique Lourido-Mera Jiménez

Notas[editar | editar a fonte]

  1. 1,01,1 María José Berneto Navarro, María. Alcaldessa a la II República[Ligazón morta] (.pdf), in Memòria Antifranquista del Baix Llobregat, páx. 17-19
  2. Cultura galega.
  3. Nomes e Voces

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=María_Gómez_González&oldid=5224280"