Monte da Zapateira

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Coordenadas: 43°18′26″N 8°24′38″O / 43.307174050678, -8.410534585017

O monte Xalo visto dende os altos da Zapateira.

A Zapateira é un monte de 236 metros de altitude[1], no límite dos concellos da Coruña, Culleredo e Arteixo.

Localización[editar | editar a fonte]

Orixinariamente, o monte da Zapateira correspondíase co espazo máis occidental e elevado da parroquia de Rutis, no concello de Culleredo, que acada unha altitude máxima de 236 metros no punto no que se instalou o vértice xeodésico de Castiñeira.

A súa prominencia é moi suave cara ao interior, axiña superada polos 291 metros do Monte das Arcas (1,4 km ao oeste), os 274 metros no lugar de Folgueira (1,7 km ao suroeste) e os 247 metros de Arteaga (1,4 quilómetros ao sur). Emporiso, os Altos da Zapateira destacan por constituíren a primeira planicie tras unha suba continuada tanto dende o val de Vilaboa a través da fraga do No (hoxe atravesada pola AC-14) coma dende Elviña; Así mesmo, A Zapateira tamén separa a conca do rego do Castro da do rego de Trabe, que flúen cara á ría do Burgo.

Malia non ser a cota máis alta dentro da área delimitada pola isoliña dos 200 metros na que se atopa, actualmente o orónimo da Zapateira estendeuse a unha zona que sobarda o monte en senso estrito.

Así, no concello da Coruña, toda a zona residencial que fica por riba do lugar de Penarredonda coñécese como A Zapateira, incluíndo os lugares de Fontaíña, As Revoltas e O Escorial. Do mesmo xeito, o conxunto de edificios da Universidade da Coruña que se atopan a máis altura coñécense como Campus da Zapateira.

Nesa mesma beira esquerda do rego do Castro, xa no concello de Culleredo, A Zapateira dá nome á estrada que baixa a carón dos terreos do Sporting Club Casino dende a avenida de Nova York ata o segundo dos túneles da AC-14 que furan a ladeira do Penasquedo, xunto ao colexio Rías Altas.

O club de golf da Coruña, coñecido como o campo da Zapateira, esténdese en realidade pola aba sur do Monte das Arcas cara a Arteixo, concello que topograficamente non chega a tocar vertente ningunha da Zapateira. Secasí, a parroquia de Morás conta cun lugar chamado A Zapateira, alén dos tradicionais núcleos de Monte das Arcas e A Xesteira, onde se sitúa a urbanización Montegolf.

Historia[editar | editar a fonte]

No monte da Zapateira descubriuse un campo de mámoas e restos megalíticos do ano 3000 antes da era actual[2]. A necrópole constaba de 33 mámoas catalogadas nunha zona de chaira duns 2,5 km ao longo da crista dun cordal que discorre de leste a oeste dende Vilaboa-Rutis ata Uxes. A zona estaba delimitada ao sur polo rego de Trabe e ao norte polo rego do Castro (afluente do Trabe). Este camiño empregouse ata o século XIX como camiño de carro. Actualmente, unha parte del permanece como pista forestal e boa parte do mesmo atravesaba polo actual campo de golf da Zapateira. Pola metade deste camiño funerario atravesaba outro transversalmente que ía dende o castro de Elviña ata o monte Xalo.[3][4]

As 33 mámoas estaban agrupadas por zonas[5]:

  • Fonte do Ouro, 10.
  • Leira do Cachafeiro, 4.
  • Montes da Zapateira, 4.
  • Leira de Folla (hoxe campo de golf da Zapateira), 5.
  • Monte das Arcas, 3.
  • Monte de Orro, 2.
  • Monte Aberto (preto do castro de Elviña), 3.
  • Monte de Cambás, 2.[6]

As mámoas de menor tamaño medían uns 10 metros de diámetro, mentres que a maior, 35 metros de diámetro e 5 metros de alto. As escavacións comezáronse en 1935 pola iniciativa de varios membros da sociedade Amantes del Campo, entre os que estaban Francisco Vales Villamarín, Inocencio Pardo Aburto, Enrique Monteagudo García, Manuel Insua e Luís Monteagudo. Xa entón tódalas mámoas foran espoliadas para reutilizar as pedras. En 1976 escavouse a última delas, situada dentro do campo de Golf. Fora empregada en 1972 como saída do burato 1 e en 1974 pasou a ser a saída do burato 3. A escavación de urxencia foi dirixida por Luís Monteagudo antes da súa destrución[7].

Lugar residencial[editar | editar a fonte]

Vista da urbanización Altamira.

Situada no límite do concello da Coruña e cunhas comunicacións por estrada un tanto precarias, A Zapateira tívose durante moito tempo por un lugar afastado da cidade malia estar relativamente preto da súa principal estrada de acceso, a avenida do Alcalde Alfonso Molina, que liga coa Autoestrada do Atlántico.

A Zapateira como lugar residencial e de ocio ten a súa orixe no ano 1961, coa construción do campo de golf na Leira de Folla cando en España só había 15 campos de golf. Franco foi usuario diario das instalacións durante os veráns de 1964 ata 1974[8]. Polo club de golf pasaron persoeiros de toda España e o estranxeiro. No 1974 o Sporting Club Casino, daquela simplemente Casino de La Coruña, adquire na zona uns terreos nos que se constrúe un complexo de ocio e deporte para os membros da sociedade[9].

A principios dos anos 2000, Fadesa iniciou a construción da urbanización Altamira no monte da Zapateira: un grupo de vivendas unifamiliares e edificios de vivendas de clase media-alta. A urbanización supuxo un traslado de tódolos servizos a unha nova zona de crecemento do concello coa aparición de máis urbanizacións nos arredores nos anos sucesivos, como Valaire, Ultreya, O Carón, Montegolf ou Augas Mansas. Hai moitos outros terreos urbanizables que hoxe se presentan como soares abandonados mais acondicionados con tódolos servizos para a construción neles.

O monte[editar | editar a fonte]

Os montes da Zapateira aínda manteñen parte do seu pasado como explotacións forestais e de caza. Forma parte da zona de plantacións de grandes eucaliptais entre devasas e liñas eléctricas. O monte é un TECOR e zona de caza todo o ano.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Reseña Vértice Geodésico Castiñeira
  2. "Os primeiros habitantes da área xeográfica coruñesa na investigación arqueolóxica". Arquivado dende o orixinal o 04 de marzo de 2016. Consultado o 12 de maio de 2013. 
  3. Coruña, Ayuntamiento de A. Coruña / Concello da. "A necrópole megalítica da Zapateira". Castro de Elviña. Consultado o 2019-10-19. 
  4. Luis Monteagudo García (1991). "Necrópolis de mámoas de A Zapateira (A Coruña)". Anuario Brigantino: 11–32. 
  5. Necrópole da Zapateira. Concello de Culleredo
  6. Arqueoloxía no plan xeral da Coruña
  7. Otros megalitos de la provincia de: Coruña (A) Municipio de: Culleredo
  8. El hoyo más incómodo . La Opinion A Coruña
  9. Coruña, La Opinión de A. "Una referencia de la sociedad coruñesa". www.laopinioncoruna.es (en castelán). Consultado o 2019-10-04. 

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Monte_da_Zapateira&oldid=5310938"