Pedro María de Cisneros

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á busca
Pedro María de Cisneros de Castro e Ulloa
II Conde de Ximonde (ou Gimonde)[1]
II Vizconde de Soar
Pedro Cisneros de Castro

Nacemento 2 de decembro de 1770
San Miguel de Sarandón, Vedra
Falecemento 12 de xullo de 1824,
Santiago de Compostela
Consorte Agustina de Puga e Araúxo
Descendencia Xacoba Cisneros de Puga
Proxenitores Xoán Antonio Cisneros de Castro
Manuela de Ulloa e Cadórniga

Escudo de Pedro María de Cisneros

Pedro María de Cisneros de Castro e Ulloa, segundo conde de Ximonde, tamén coñecido como Pedro María de Cisneros, Pedro Cisneros de Castro ou simplemente como o Conde de Ximonde (por antonomasia), nado o 2 de decembro de 1770 en San Miguel de Sarandón (hoxe no concello de Vedra) e finado en Santiago de Compostela o 12 de xullo de 1824[2], foi un nobre e destacado político galego.[3]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

O Pazo de Ximonde, soar dos Castro.

Era fillo de Xoán Antonio Cisneros de Castro (1725-1798), rexedor perpetuo da cidade de Santiago de Compostela, e de Manuela de Ulloa e Cadórniga. O seu pai recibiu o título de Conde de Ximonde do rei Carlos III de España, co vizcondado previo de Soar, por decreto dado no Palacio Real de El Pardo o 14 de xaneiro de 1766. Cando faleceu o seu pai, o 20 de decembro de 1798, herdou o título e as extensas propiedades do primeiro conde. Foi rexedor perpetuo de Santiago, e un importante mecenas da cultura gallega.

Casou con Agustina de Puga e Araúxo, con que tivo unha única filla, Xacoba Cisneros de Castro, III condesa de Ximonde.

No campo político, durante a Guerra da Independencia española foi membro da Soberana Xunta Suprema do Reino de Galicia, e despois da Xunta Suprema Central que gobernou España durante dita guerra.[4]

Actividade durante a Guerra da Independencia[editar | editar a fonte]

Escudo de armas do Reino de Galicia.

Membro da Xunta Suprema do Reino de Galicia[editar | editar a fonte]

Durante a Guerra da Independencia española o II conde de Ximonde tivo un papel moi importante. Como rexedor de Santiago e, na súa su representación, foi membro da Xunta Suprema do Reino de Galicia que se constituíu o día 5 de xuño de 1808 na Coruña para coordinar e organizar a resistencia e funcionar como organismo reitor do Reino de Galicia, ante o baleiro de poder xerado pola guerra.

O conde de Ximonde foi o presidente das sesións da Xunta, actuando ao mesmo tempo como membro da Xunta Provincial de Santiago.

Así mesmo participou na organización do exército para activar o levantamento do Reino de Galicia.[5]

Membro da Xunta Suprema Central[editar | editar a fonte]

O conde de Floridablanca.
Retrato por Francisco de Goya.
Artigo principal: Xunta Suprema Central.

En setembro do mesmo ano, como político moderado e ilustrado, pero patriota e non afrancesado, foi elixido polas Xuntas Supremas de Galicia, Castela e León reunidas en Lugo,[6] para representar o Reino de Galicia, xunto con Manuel Avalle, na Xunta Suprema Central de 34 membros, que se constituíu formalmente en Aranjuez o 23 de setembro de 1808,[7] presidida por Floridablanca, para gobernar España durante o cativerio de Fernando VII.[8]

A Xunta Suprema Central, tamén chamada Xunta Suprema, Xunta Central ou Xunta Central Suprema, e cuxa denominación oficial era Xunta Suprema Central e Gobernativa do Reino, foi o órgano que asumiu os poderes executivo e lexislativo españois durante a ocupación napoleónica de España.[9] Constituiuse o 25 de setembro de 1808 tras a vitoria na batalla de Bailén e despois de que o Consello de Castela declarase nulas as abdicacións de Baiona.[10] O seu mandato concluíu o 30 de xaneiro de 1810, coa constitución da Xunta de Rexencia e a convocatoria das Cortes de Cádiz.

Nos meses que seguiron á súa fundación, a Xunta encargouse de organizar o país e de dirixir a guerra, destacando entre as súas accións o establecemento de tributos de guerra, a constitución do "Exército da Mancha" (mandado polo Xeneral Aréizaga e a sinatura do Tratado de Alianza con Gran Bretaña (14 de xaneiro de 1809).[7]

Desprazamento da Xunta Central a Estremadura, Sevilla e Cádiz[editar | editar a fonte]

Coa chegada de Napoleón a España en novembro de 1808 e a capitulación de Madrid, a Xunta Suprema Central, da que formaba parte o conde de Ximonde, viuse obrigada a desprazarse a Estremadura, despois a Sevilla, onde residiría desde o 16 de decembro de 1808 e, en último lugar, á Vila da Real Illa de León, Cádiz, actual San Fernando, o 23 de xaneiro de 1810.

Preparación do Regulamento das Cortes de Cádiz[editar | editar a fonte]

O conde de Ximonde formou parte, con Jovellanos e outros, da comisión da Xunta Central que se encargou de preparar o Regulamento das Cortes de Cádiz,[11] e asinou na Illa de León o Decreto da Xunta Suprema Central de 29 de xaneiro de 1810 que convocou as Cortes,[12] así como o Decreto que nomeou unha Nova Xunta de Rexencia, presidida polo bispo de Ourense, Pedro de Quevedo e Quintano, á que a Xunta Suprema trasladou o poder para que preparase e organizase as Cortes.[13]

Constitución do Consello de Rexencia e regreso do conde de Ximonde a Galicia[editar | editar a fonte]

Cando se creou o Consello de Rexencia,[14] desatouse unha reacción política contra os membros da anterior Xunta Suprema Central, e o conde de Ximonde abandonou por mar a illa de León, non chegando a participar nas Cortes que redactaron a Constitución de Cádiz, en cuxa convocatoria tivera unha directa intervención.

Regresou a Galicia na fragata Cornelia, en agosto de 1810.[15]

Actividade como mecenas en Galicia[editar | editar a fonte]

Protector da Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago[editar | editar a fonte]

O segundo conde de Ximonde sobresaíu como un membro moi destacado da ilustración galega de finais do século XVIII e comezos do XIX, chegando a ser, en palabras de Gozález López, "a gran figura da ilustración galega compostelá".[16]

Foi un importante mecenas, distinguíndose como protector da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago, que fora fundada en 1774, e creou e sufragou en 1805 unha Escola Gratuíta de Debuxo para promocionar a pintura galega.

Entre 1806 e 1809, foi profesor desta escola o pintor Plácido Fernández de Arosa que, en 1794, ingresara na Real Academia de Belas Artes de San Fernando, pensionado polo conde de Ximonde, onde coincidiu co seu irmán Tomé, tamén pintor.

O conde tamén foi mecenas do escultor Manuel de Prado, e do seu irmán o arquitecto Melchor de Prado e mais doutros artistas galegos da época.

Reconstrución da igrexa de Cuntis[editar | editar a fonte]

Reconstruíu á súa conta a igrexa de Cuntis, que fora queimada polos franceses durante a guerra da independencia, como consecuencia dos ataques que os veciños desta vila facían ás tropas francesas cando avanzaban cara á Estrada desde Santiago, na zona de Pontevea.

Apoio aos baños termais de Cuntis[editar | editar a fonte]

En 1807 o conde de Ximonde creou en Cuntis unha Fundación Hospitalaria para que se puidesen beneficiar dos baños termais as persoas que carecesen de fondos suficientes, mandando construír baños para homes e mulleres, modernizando e mellorando a Casa de baños existente.[17]

Publicacións[editar | editar a fonte]

Interesado pola xenealoxía, foi autor dunha obra destacada sobre esta materia, o Libro dos escudos de armas. O seu nome completo é Libro que hago yo, el Conde de Gimonde, de varios escudos de armas, con las descripciones sacadas de varios libros de formado y manuscrito y de varias que adquirí.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Na grafía histórica.
  2. Héitor Picallo. Casa de Maíndo (A Estrada Pontevedra): Espazo xeográfico, humano e histórico no dominio do Condado de Ximonde.
  3. Na historiografía galega cando se cita ao "Conde de Ximonde" faise referencia ao segundo, Pedro Cisneros, así como cando se fala da "Condesa de Ximonde" trátase da súa filla Xacoba, terceira e última portadora deste título.
  4. Manuel Blanco Rey. D. Luciano Mª Puga Blanco (1842–1899): un personaje rescatado del olvido. Anuario Brigantino, Betanzos, 1999.
  5. Archivo Histórico Nacional. Sección de Guerra. Galicia. Auxilios al Ejército de Galicia, comisiones a Galicia para su sublevación y toma de Vigo.
  6. González López, Emilio (1975): El águila gala y el búho gallego. La insurrección gallega contra los franceses. Centro Gallego de Buenos Aires: Ediciones Galicia.
  7. 7,07,1 Martínez de Velasco, Ángel (1999). Historia de España: La España de Fernando VII. Barcelona: Espasa. 84-239-9723-5. 
  8. "Lista de los individuos que compusieron la Junta Suprema Central Gubernativa de España e Indias, por el orden alfabético de las provincias que los nombraron" (en castelán). 
  9. "Acta del Consejo de Castilla declarando nulas renuncias de Bayona" (en castelán). Madrid. 11 de agosto de 1808. 
  10. Friera Álvarez, Marta; Fernández Sarasola, Ignacio. "Contexto histórico de la Constitución de 1812" (en castelán). Universidade de Oviedo, Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes. 
  11. "Decreto sobre restablecimiento y convocatoria de Cortes expedido por la Junta Suprema gubernativa del Reino («Consulta al país»)" (en castelán). Sevilla. 22 de maio de 1809. 
  12. "Decreto creando la Comisión de Cortes" (en castelán). Sevilla. 8 de xuño de 1809. 
  13. "Último decreto de la Junta Central sobre la celebración de Las Cortes" (en castelán). Real Isla de León. 29 de xaneiro de 1810. 
  14. "Proyecto de reglamento y juramento para la Suprema Regencia" (en castelán). Real Isla de León (Cádiz). 29 de xaneiro de 1810. 
  15. "Gazeta de la Regencia de España e Indias" (en castelán). 1810. 
  16. González López, Emilio (1977). Bajo las luces de la Ilustración: Galicia en los reinados de Carlos III y Carlos IV. Sada (A Coruña): Ediciós do Castro. ISBN 84-85134-22-2. 
  17. "Carta do párroco de Sta. María dos Baños sobre a Fundación Hospitalaria que o II conde de Ximonde creara en Cuntis". En Héitor Picallo. Casa de Maíndo (A Estrada Pontevedra): Espazo xeográfico, humano e histórico no dominio do Condado de Ximonde, Documento 6, pp. 218-219.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Pedro_María_de_Cisneros&oldid=3972270"