1000 12/16

Proserpina

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Rossetti, 1874.

Proserpina ou Prosérpina, é unha antiga deusa cuxa historia é a base dun mito da primavera. É a equivalente na mitoloxía romana á deusa grega Perséfone. Proserpina foi subsumida polo culto de Libera, unha antiga deusa da fertilidade, esposa de Liber. É unha deidade de vida, morte e resurección.

Mito[editar | editar a fonte]

Proserpina é filla de XúpiterCeres, unha das máis belas deusas de Roma.

Venus, para darlle amor a Plutón, enviou o seu fillo Cupido (tamén coñecido como Eros) para que acertase a Plutón cunha das súas setas. Proserpina estaba en Sicilia, no lago Pergusa (próxima a Enna), onde se bañaba, xogaba con algunhas ninfas e recollía flores. Entón Plutón xurdiu do próximo volcán Etna con catro cabalos negros e raptouna para se casar con ela e viviren xuntos no Hades, o inframundo grecorromano, do que era gobernante. Plutón era tamén o seu tío, pois Xúpiter e Ceres eran os seus irmáns. Así pois, Proserpina é a Raíña do Inframundo.[1]

A súa nai Ceres, deusa da natureza, os cultivos ou a Terra, marchou a buscala en van por todos os recunchos do mundo, mais non logrou atopar máis que un pequeno cinto que flotaba nun pequeno lago (feito coas bágoas das ninfas). Na súa desesperación Ceres detivo enfurecida o crecemento de froitas e verduras, e arrincouse os vestidos e rabuñouse a cara, caendo así unha maldición sobre Sicilia. Ceres rexeitou volver ao Olimpo e comezou a vagar pola terra, convertendo en deserto todo o que pisaba. Perdeu a súa fouce na cidade de Trapani.

Preocupado, Xúpiter enviou a Mercurio para que mandase a Plutón que liberase a Proserpina. Este obedeceu, mais, antes de a deixar ir, fíxolle comer seis sementes de granada (un símbolo de fidelidade no matrimonio), de forma que tivese que vivir seis meses ao ano con el, podendo permanecer o resto coa súa nai. Explica así a primavera na mitoloxía romana: cando Proserpina volve coa súa nai, Ceres decora a terra coas flores de benvida, mais cando no outono volve ao Hades, a natureza perde as súas cores.

Noutra versión da historia, Proserpina comía só catro sementes de granada durante o seu rapto, e facíao pola súa propia vontade. Cando Xúpiter lle ordenaba regresar, Plutón facía un trato con el, dicíndolle que, como Proserpina roubara as súas sementes de granada, debía permanecer catro meses con el cada ano en compensación. Por esta razón, na primavera, cando Ceres recibía a súa filla, as colleitas brotaban e no verán florecían. No outono Ceres cambiaba as follas a tons de marrón e laranxa (as súas cores favoritas) como agasallo para Proserpina antes de que volvese ao inframundo. Durante a época na que esta vivía con Plutón, o mundo pasaba o inverno, unha época na que a terra era estéril.

O rapto de Proserpina, de Luca Giordano, no Palacio Medici Riccardi , Florencia

O mito do rapto de Proserpina é descrito amplamente polo romano Claudiano (século IV). Por outra banda, nas Geórgicas de Virxilio, a súa figura está estreitamente relacionada co mito de Orfeo e Eurídice: cando Orfeo entrou no inframundo para tentar levar de volta á vida á súa esposa Eurídice, morta pola mordedela dunha serpe acuática, é Proserpina a que impuxo a orde de que mentres permaneza nos seus dominios, Eurídice debía ir detrás de Orfeo mentres este acalmaba a Cérbero co seu canto. Porén, cando estaba a punto de abandonar o inframundo, Orfeo detívose e mirou cara a Eurídice, tras o cal esta foi arrastrada de novo cara ao Hades e Orfeo perdeu para sempre a súa amada.[2]

Os romanos dedicaban a esa deusa un festival realizado o día 31 de maio.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Bulfinch 2006, p. 63.
  2. Virxilio, Geórgicas IV,453-527.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]


Este artigo tan só é un bosquexo
 Este artigo é, polo de agora, só un bosquexo. Traballa nel para axudar a contribuír a que a Galipedia mellore e medre.

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Proserpina&oldid=5028071"