Sofonisba Anguissola

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura
Sofonisba Anguissola
Sofonisba Anguissola 002.jpg
Nacementoanos 1530xuliano
 Cremona
Falecemento16 de novembro de 1625
 Palermo
NacionalidadeItalia
Ocupaciónpintora, artista e artista plástica
PaiAmilcare Anguissola
NaiBianca Ponzoni Anguissola
CónxuxeFabrizio Moncada
IrmánsElena Anguissola, Minerva Anguissola, Europa Anguissola, Lucia Anguissola e Anna Maria Anguissola
Coñecido/a porSelf-Portrait e Portrait Group with the Artist’s Father, Brother and Sister
editar datos en Wikidata ]

Sofonisba Anguissola (tamén escrito Anguisciola ou Anquissola), nada en Cremona arredor de 1535 e finada en Palermo en 1625, foi unha pintora italiana considerada a primeira muller pintora de éxito do Renacemento.[1] Cultivou o retrato e o autorretrato, establecendo novas regras no ámbito do retrato feminino.[2] Aos 27 anos estableceuse en España, na corte do rei Filipe II. Adxudícaselle un importante papel como elo entre o retrato italiano e o español no século XVI, ademais de notable influencia no desenvolvemento posterior deste xénero en Italia.[2] A súa traxectoria resultou un precedente para varias mulleres artistas que foran excluídas do ensino académico, de gremios e obradoiros e do mecenado papal, pero que si atoparon respaldo nas cortes europeas entre os séculos XVI e XVIII.[2][3]

Traxectoria[editar | editar a fonte]

Retrato de Bianca Ponzoni Anguissola, nai da artista, 1557.
Autorretrato (c. 1554)

Sofonisba Anguissola naceu en Cremona (actual Italia) contra 1535. Era a máis vella de sete irmáns, seis dos cales eran nenas. O seu pai, Amilcare Anguissola, era membro da baixa nobreza xenovesa. A súa nai era Bianca Ponzone. Durante as catro xeracións anteriores, a familia tivo unha estreita conexión coa historia antiga de Cartago, polo que nomearon a súa proxenie en honra do gran xeneral Aníbal, chamando a súa filla máis vella como a tráxica protagonista cartaxinesa Sofonisba.

Amilcare animou as súas fillas (Sofonisba, Elena, Lucia, Europa, Minerva e Ana María) a cultivarse e perfeccionar os seus talentos. Como Sofonisba, catro das súas irmás tamén foron pintoras, aínda que Sofonisba foi por moito a que mellor o conseguiu e a máis renomeada. Elena, a segunda irmá, fíxose monxa (existe un retrato dela pintado por Sofonisba) e tivo que deixar de pintar. Tamén deixaron a pintura Ana María e Europa, con motivo de contraer matrimonio, mentres que Lucia, a mellor pintora das irmás, morreu nova. A outra irmá, Minerva, fíxose escritora e latinista. Asdrubale, o irmán varón, estudou música e latín, pero non pintaba. O seu aristocrático pai asegurouse de que tanto Sofonisba como as súas irmás recibisen unha boa educación na que estaban incluídas as Belas Artes.

Retrato de familia, Minerva, Amilcare e Asdrubale Anguissola, 1557, Nivaagaard Museum.
Bernardino Campi nun retrato de Sofonisba Anguissola (Autoritratto con Bernardino Campi, 1550)

Á idade de 14 anos o seu pai enviouna, xunto coa súa irmá Elena, a estudar con Bernardino Campi, pintor tamén nacido en Cremona, un respectado autor de retratos e escenas relixiosas da escola de Lombardía. Cando Campi se mudou a outra cidade, Sofonisba continuou os seus estudos co pintor Bernardino Gatti (coñecido como il Sojaro). A aprendizaxe de Sofonisba con artistas locais sentou un precedente para que as mulleres fosen aceptadas como estudantes de arte.[4] Non se sabe con certeza, pero probablemente continuou os seus estudos xunto a Gatti durante tres anos. O seu traballo máis importante daquela época é a súa obra Bernardino Campi pintando a Sofonisba Anguissola, datado en 1550 e que se atopa na Pinacoteca Nacional de Siena.

Viaxe a Roma[editar | editar a fonte]

Lucia, Minerva e Europa Anguissola xogando ao xadrez, 1555, Muzeum Narodowe (Museo Nacional), Poznań, Polonia.

En 1554, Sofonisba viaxou a Roma, onde coñeceu a Michelangelo por mediación doutros pintores que coñecían ben a súa obra. Este encontro co artista foi unha grande honra para a pintora e beneficiouse de ser "informalmente" instruída polo gran mestre. Cando el lle pediu que pintase un neno chorando, Sofonisba debuxou un Neno mordido por un cangrexo, e cando Michelangelo o viu, recoñeceu de inmediato o talento dela. A partir dese momento, o xenio dáballe bosquexos do seu caderno de notas para que ela os pintase co seu estilo persoal e ofreceulle consello sobre os resultados. Durante polo menos dous anos, Sofonisba continuou este estudo "informal", recibindo unha sólida orientación do mesmo Michelangelo.

O grande historiador da arte Giorgio Vasari escribiu sobre ela:

Anguissola mostrou a súa maior aplicación e mellor graza que calquera outra muller do noso tempo nos seus empeños por debuxar; por iso triunfou non só debuxando, coloreando e pintando da natureza, e copiando excelentemente doutros, senón por ela mesma que creou excelentes e moi belas pinturas.

No entanto, non o tivo fácil, pois a pesar de que contou con coraxe e apoio, máis que o resto das mulleres da súa época, a súa clase social non lle permitía ir máis aló dos límites impostos para o seu sexo. Non tivo a posibilidade de estudar anatomía ou debuxar do natural, pois era considerado inaceptable para unha señora que vise corpos espidos —esta situación repetiríase un século despois con Elisabetta Sirani, quen tampouco puido acceder a unha formación artística completa por ser muller—. No seu lugar, Sofonisba buscou as posibilidades para un novo estilo de retratos, con personaxes con poses informais. Os membros da súa propia familia e o seu propio rostro foron os protagonistas máis frecuentes das súas obras, como se pode ver en Autorretrato (1554; no Kunsthistorisches Museum de Viena), O xogo de xadrez (1555; Museo Narodowe, Poznań), no que pinta as súas irmás Lucia, Minerva e Europa, e o Retrato de Amilcare, Minerva e Asdrubale Anguissola (1557-1558; Nivågårds Malerisambling, Niva, Dinamarca).

De Milán a España[editar | editar a fonte]

Retrato de Filipe II, tradicionalmente atribuído a Sánchez Coello e que actualmente se asigna a Anguissola.

Cando xa era coñecida, Sofonisba desprazouse a Milán, contra 1558, onde pintou o duque de Alba. Uns meses máis tarde, durante o verán de 1559, o duque de Alba preparou en París os esponsais entre Filipe II e Isabel de Valois, terceira esposa do rei. Entre outras cuestións, ocúpase das damas que vai levar consigo a nova raíña a España. O duque decide incluír a Sofonisba entre devanditas damas, sabedor da afección da raíña polo debuxo. Alba cursou unha invitación a Amilcare Anguissola, quen en setembro accedeu a deixar partir a súa filla a España. Dende febreiro de 1560 até o verán de 1573, Anguissola viviu na corte española, primeiro como dama de Isabel de Valois e, trala morte da raíña, como titora das infantas, especialmente de Isabel Clara Euxenia.

Con só 25 anos, Sofonisba chegou a Madrid no inverno de 1560 para converterse en pintora da corte, ademais de dama de compañía da nova raíña.[5] Deseguida gañouse a estima e a confianza de Isabel de Valois. Durante este tempo, traballou estreitamente con Alonso Sánchez Coello; aproximouse tanto ao seu estilo, que inicialmente o famoso retrato de Filipe II, en idade mediana, foi atribuído a Coello. Foi recentemente cando se recoñeceu a Anguissola como a autora do mesmo. Hoxe tamén as historiadoras Carmen Bermis e María Kusche teñen fundadas sospeitas de que A dama de armiño, un retrato atribuído ao Greco, puido ser pintado por ela.

Anguissola pasou os anos seguintes pintando sobre todo retratos oficiais da Corte, incluíndo os da raíña e outros membros da familia real, como a irmá de Filipe II, Xoana, e o seu fillo, Don Carlos. As súas pinturas de Isabel de Valois e de Ana de Austria, a cuarta esposa de Felipe II, son vibrantes e cheas de vida.

En xeral, pódese afirmar que desde 1560, discípulos de Moro como Alonso Sánchez Coello ou Sofonisba Anguissola, aplican sen maiores innovacións o modelo de retrato de estado articulado durante as décadas anteriores. En España, Juan Pantoja de la Cruz prolongou o modelo, continuado despois por Velázquez, quen si introducirá -aínda que marxinalmente- unha nova fórmula para o retrato feminino, cos seus retratos ecuestres.[6]

En 1570 aínda continuaba solteira. No entanto, a súa idade facía aconsellable buscar un matrimonio adecuado, proceso do cal se fixo responsable o rei, como era usual coas damas da raíña. Ela pediu un partido italiano, que finalmente foi atopado, don Fabrizio Moncada, fillo do príncipe de Paterno, vicerrei de Sicilia, nobre siciliano de ascendencia aragonesa. Trala voda, celebrada con gran pompa e pola que recibiu un dote por parte do rei de España, trasladouse a Sicilia no verán de 1573. Alí residiu en Palermo ata 1579, trala morte temperá do marido o ano anterior, morte que a colocou nunha difícil situación, aínda que recibiu unha vez máis o apoio de Filipe II. En 1581 volveu casar con Orazio Lomellini, capitán dun barco xenovés que a trasladaba de volta a Cremona. Dende 1581 ata 1615 reside en Xénova, onde mantivo unha posición de prestixio tanto pola súa cultura e o seu talento artístico como polos seus privilexiados contactos coa corte española. Os seus últimos dez anos pasounos en Palermo, nas súas posesións sicilianas.[7]

Vellez en Italia[editar | editar a fonte]

Sofonisba Anguissola, Autorretrato, 1610

Viaxando cara a Cremona, Sofonisba coñeceu o nobre genovés Orazio Lomellino, considerablemente máis novo que ela, o capitán do barco no que viaxaba. Casaron en 1579 en Pisa. Orazio recoñeceu e apoiou o seu traballo de pintora e establecéronse en Xénova, nunha gran casa onde puido ter o seu propio estudo e tempo para pintar e debuxar. A fortuna persoal de Orazio, ademais da xenerosa pensión que lle outorgou Felipe II, permitiu a Sofonisba pintar e vivir libre e comodamente. Bastante famosa entón, recibiu a visita de moitos dos seus colegas. Varios destes eran máis novos que ela e aprendían e imitaban o estilo distintivo de Anguissola.

En 1623, visitouna o pintor flamengo Anton van Dyck, quen pintou varios retratos dela a principios de 1600, e fixo bosquexos das súas visitas a Sofonisba nos seus cadernos de notas. Van Dyck dixo: «Aínda que a súa vista está debilitada, mantense aínda moi alerta mentalmente». En contra do que algúns biógrafos reclaman, ela nunca se chegou a quedar cega, aínda que quizais tivo catarata. Morreu en Palermo en 1625. Foi internacionalmente aclamada e respectada ao longo da súa vida.

Sete anos despois, no que foi a celebración do centenario do seu nacemento, o seu viúvo colocou unha inscrición na súa tumba na que se lía, en parte: «A Sofonisba, a miña muller [...] quen é lembrada entre as mulleres ilustres do mundo, destacando en retratar as imaxes do home [...] Orazio Lomellino, apenado pola perda do seu grande amor, en 1632, dedicou este pequeno tributo a tan gran muller».

Estética[editar | editar a fonte]

Con palabras de Sofonisba Anguissola, tomadas da carta que enviou ao papa Pío IV xunto ao retrato de Isabel de Valois, a artista valora que a arte busque a verdade, entendida esta como a aparencia física, xa que non pode penetrar na alma humana.[8]

“se col pennello si potesse così rappresentare agli occhi di Vostra Beatitudine le bellezze dell'animo di questa serenissima reina, non potria veder cosa piü maravigliosa. Ma in quelle parti, le quali con l'arte si sono potute figurare, non ho mancato di usare tutta quella diligenza che ho saputo maggiore, per rappresentare alla Santitá Vostra il vero.”
Sofonisba Anguissola. Cremona, c. 1561.[9]

Legado[editar | editar a fonte]

Un total de cincuenta obras foron atribuídas con seguridade a Sofonisba. Os seus cadros poden ser vistos nas galerías en Bérgamo, Budapest, Madrid (Museo do Prado), Milán (Pinacoteca de Brera), Nápoles, Siena e Florencia (Galería Uffizi). A súa obra tivo enorme influencia nas xeracións de artistas posteriores. O seu retrato da raíña Isabel de Valois cunha pel de marta cibelina foi o retrato máis copiado en España. Entre estes copistas inclúense moitos dos mellores artistas do momento, como Peter Paul Rubens.

Un precedente para outras mulleres artistas[editar | editar a fonte]

A traxectoria de Sofonisba é un referente na historia. A pesar de vivir nunha época onde as mulleres estaban ausentes das artes visuais (por imposición) o seu éxito abriu o camiño a outras mulleres para desenvolver as súas carreiras artísticas.[10] Entre os seus nomes atópanse Lavinia Fontana, Barbara Longhi, Fede Galizia e Artemisia Gentileschi.

Epónimos[editar | editar a fonte]

O 4 de agosto de 2017, se denominou un cráter de Mercurio co seu nome.[11]

Unha escola de Cremona denomínase Liceo Statale Sofonisba Anguissola.

Notas[editar | editar a fonte]

  1. Boullosa, Carmen (2 de agosto de 2008). "¿Ser o no ser un Goya, o un Anguissola?". elpais.com (en castelán). Consultado o 29 de xuño de 2016. 
  2. 2,02,12,2 Más de arte. "Sofonisba Anguissola, el naturalismo innovador" (en castelán). Consultado o 29 de xuño de 2016. 
  3. Sofonisba Anguissola, en Dialnet, Universidad de la Rioja, consultado o 6 de xullo de 2018.
  4. Greer, Germaine (1978). The Obstacle Race: The Fortunes of Women Painters and Their Work. Nova York: Farrar Straus Giroux. p. 180. ISBN 978-0374224127. 
  5. Boullosa, Carmen (2 de agosto de 2008). "Reportaje | ¿Ser o no ser un Goya, o un Anguissola?" (en castelán). El País. Consultado o 29 de xuño de 2016. 
  6. Lozano, Jorge Sebastián (2005). Imágenes femeninas en el arte de corte español del siglo XVI. Universitat de València. p. 82. 
  7. Lozano, Jorge Sebastián (2005). Imágenes femeninas en el arte de corte español del siglo XVI. Universitat de València. p. 253. 
  8. Isabel de Valois sostendo un retrato de Filipe II (c. 1561 - 1565). Óleo sobre lenzo, 206×123 cm. Museo do Prado.
  9. Lozano, Jorge Sebastián (2005). Imágenes femeninas en el arte de corte español del siglo XVI. Universitat de València. p. 92. 
  10. Jacobs, Frederika H. (1994). "Woman's Capacity to Create: The Unusual Case of Sofonisba Anguissola". Renaissance Quarterly 47 (1): 74–101. JSTOR 2863112. 
  11. Planetary Names

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Bibliografía[editar | editar a fonte]

  • Boullosa, Carmen (2008). La Virgen y el Violín. Siruela. ISBN 9788498411898. 
  • Chadwick, Whitney (1990). Women, Art, and Society. Londres: Thames and Hudson. ISBN 0-500-20354-7. 
  • Ferino-Pagden, Sylvia; Kusche, Maria (1995). Sofonisba Anguissola: A Renaissance Woman. National Museum of Women in the Arts. ISBN 0-940979-31-4. 
  • Harris, Ann Sutherland; Nochlin, Linda (1976). Women Artists: 1550–1950. Nova York: Los Angeles County Museum of Art, Knopf. ISBN 0-394-41169-2. 
  • Perlingieri, Ilya Sandra (1992). Sofonisba Anguissola. Rizzoli International. ISBN 0-8478-1544-7. 
  • Pizzagalli, Daniela (2003). La signora della pittura: vita di Sofonisba Anguissola, gentildonna e artista nel Rinascimento [The Lady of the Painting: The Life of Sofonisba Anguissola, Gentlewoman and Artist of the Renaissance] (en Italian). Milan: Rizzoli. ISBN 88-17-99509-6. 
  • Porqueres, Bea (2003). Sofonisba Anguissola (C.1535-1625). Del Orto. ISBN 9788479233112. 

Ligazóns externas[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Sofonisba_Anguissola&oldid=4946249"