Transilvania

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Saltar ata a navegación Saltar á procura

Transilvania (en romanés Transilvania ou Ardeal; en húngaro Erdély; en alemán Siebenbürgen) é unha rexión composta pola zona occidental e central de Romanía. Foi unha formación estatal quasi independente no século X, e novamente un principado dende 1570 e ata 1699 cando se incorporou oficialmente aos territorios da Coroa Habsburga, si ben mantivo un estatuto separado do Reino de Hungría ata 1867.

Xeografía[editar | editar a fonte]

Mapa de Romanía; a Transilvania, en laranxa

O territorio que forma Transilvania está no centro da actual Romanía. A chaira transilvana ten unha altitude entre 300 e 500 m sobre o nivel do mar, e por ela circulan os ríos Mureș, Someș, Criș e Olt, entre outros afluentes do Danubio. Cluj-Napoca (Kolozsvár; Klausenburg) a cidade principal da zona posúe unha poboación de 318.027 habitantes[cando?]. Outras cidades importantes son: Brașov (Brassó; Kronstadt) (283.901), Sibiu (Nagyszeben; Hermannstadt) (155.045), Târgu Mureș (Marosvásárhely; Meumarkt am Mieresch) (149.577).

Historia[editar | editar a fonte]

A rexión, parte da provincia romana de Dacia, foi anexada polo Reino de Hungría en 1003. En 1526, trala derrota húngara ante os turcos otománs, pasou a ser parte da Hungría controlada polo rei Xoán I Zápolyá, e no 1570 co fillo deste, Xoán II Sexismundo, converteuse nun principado autónomo, baixo a protección do sultán turco.

O rei e príncipe Xoán Sexismundo Zápolya de Transilvania aceptou o unitarismo, e ditou o primeiro Edicto de Tolerancia relixiosa na historia moderna de Europa, en 1568, para permitir a libre práctica relixiosa no seu país, incluído o catolicismo. Neste Edicto, non obstante, a relixión ortodoxa, profesada polas clases máis humildes (en xeral de orixe romanesa), non foi incluída, malia ser a relixión maioritaria.

Durante o reinado do príncipe Gabriel Bethlen (1613–1629), Transilvania converteuse nun centro cultural de Centroeuropa. Bethlen, como príncipe protestante, participou na guerra dos Trinta Anos.

Austria, que reivindicara anteriormente Transilvania, obtivo a posesión do principado polo Tratado de Karlowitz de 1699, que puxo fin á guerra con Turquía.

En 1704 Francisco Rákóczi II foi elixido príncipe de Transilvania e reinou ata a derrota da guerra de independencia húngara en 1711.

En 1765 a rexión converteuse nun principado gobernado por Austria e Hungría. Despois da derrota das revolucións romanesas e húngaras (como parte da Revolución xeral europea de 1848) en 1849 converteuse nun territorio da coroa austríaca. Con todo, os austríacos decidiron crear unha monarquía dual austro-húngara, e os gobernantes húngaros intentaron "hungarizar" ós habitantes de Transilvania, a través das súas leis e decretos discriminatorios. Foi unha práctica común a tódolos territorios controlados entón polos húngaros.

En decembro de 1918 (despois da participación romanesa na primeira guerra mundial) os habitantes de Transilvania votaron a unificación con Romanía, feito que obtivo recoñecemento internacional o 4 de xuño de 1920, tralo Tratado de Trianon.

Hungría mantivo as súas reivindicacións sobre o territorio (causa de inestabilidade na rexión), e, en 1940, durante a II Guerra Mundial, a parte setentrional de Transilvania, unha superficie de 44.030 km², cunha poboación de 2.700.000 habitantes, foi devolta a Hungría polo Ditado de Viena das potencias do Eixo do 30 de agosto.

Trala segunda guerra mundial, o territorio cedido polo Eixo foi devolto a Romanía. Trala caída do réxime de Ceaușescu, Transilvania converteuse na rexión máis dinámica do país desde o punto de vista económico, social e político.

Economía[editar | editar a fonte]

A rexión da Transilvania contén numerosos recursos minerais, principalmente lignito, ferro, chumbo, manganeso, ouro, cobre, gas natural, sal e xofre. Posúe grandes industrias siderúrxicas, químicas e téxtiles. Outras ocupacións importantes da poboación son as explotacións madeireiras a produción de viño e o cultivo de árbores froiteiras.

Poboación[editar | editar a fonte]

Castelo da Orde Teutónica de Bran.

De acordo co censo do 2002, a rexión tiña unha poboación de 7.221.733 persoas, cunha maioría romanesa (75% do total da poboación). Tamén existen importantes grupos de fala húngara (20% do total da poboación), xitanos (3,5%) e alemáns (1,5%).

Etimoloxía[editar | editar a fonte]

O nome de Transilvania foi utilizado por primeira vez nun documento en latín no 1075 chamado Ultra Silvam, que significa «máis aló dos bosques». O nome evolucionou en «Transilvania», que conserva o mesmo significado.

O nome alemán Siebenbürgen significa «sete castelos». O nome romanés Ardeal e o nome húngaro Erdély non teñen unha orixe precisa.

Véxase tamén[editar | editar a fonte]

Outros artigos[editar | editar a fonte]

Traído desde "https://gl.wikipedia.org/w/index.php?title=Transilvania&oldid=5207295"